Ir o contido principal

García Herradón: “A vaca é un elemento esencial na economía de Galicia e tamén da súa paisaxe e da identidade cultural”

O profesor García Herradón (á esquerda) acompañado do xornalista Ignacio Rodríguez
O profesor García Herradón (á esquerda) acompañado do xornalista Ignacio Rodríguez
O profesor da Facultade de Veterinaria participou na Fonsagrada no ciclo de divulgación científica ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

O profesor de Medicina e Cirurxía Animal na Facultade de Veterinaria de Lugo Pedro García Herradón salientou este venres na Fonsagrada a importancia da vaca para Galicia como elemento “ esencial” para a economía, para a paisaxe e para a cultura, “unha pegada fonda da que non permanece allea a contorna da Fonsagrada”, precisou. García Herradón realizou estas declaracións na xornada de divulgación científica enmarcada no ciclo ‘A conservación da natureza, tarefa común’ e que se desenvolve en dúas sesións, unha matinal orientada ao estudantado do IES Plurilingüe Fontem Albei, e outra, vespertina, para todo o público no salón de actos municipal. O xornalista Ignacio Rodríguez moderou as dúas intervencións. O ex vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo aproveitou a súa presenza na capital fonsagradina, un concello cuxa carga gandeira está orientada á produción de carne, aínda que tamén é habitual a coexistencia de vacas asturianas nas explotacións familiares, para facer especial fincapé nas razas autóctonas galegas. “A Rubia galega, así como as demais razas autóctonas de vacún de carne, son signo de identidade do país, tal e como o proba a súa adaptación e permanencia no medio”, sinalou. A raza frisona, aínda que é posterior, tamén chegou a Galicia para quedarse, “pero xa como símbolo da globalización”. A presenza das vacas e de todos os procesos e dinámicas asociadas á actividade gandeira non só na cultura popular, senón tamén nas artes plásticas, na literatura, na fotografía e, hoxe en día, en internet, foron outras das cuestións abordadas por García Herradón nestas sesións de divulgación científica, nas que ademais de compartir coñecemento científico e incluso algunha que outra experiencia profesional e vital, tamén animou ao público presente a traballar para mellorar a baixa autoestima que predomina nos homes e mulleres que traballan no sector agrogandeiro. A singular importancia que de sempre tivo a gandería de montaña para a comunidade galega tampouco pasou desapercibida para García Herradón, que subliñou que “é básica para fixar poboación no medio rural e para garantir a conservación da flora e da fauna e, xa que logo, do medio natural”.

A cita da Fonsagrada é a oitava que se celebra dentro das xornadas divulgativas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. A próxima cita deste ciclo, que percorrerá 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago, será en Cee, o vindeiro venres 24 de outubro. Nesta ocasión, a tamén profesora da USC e directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Elvira López Mosquera, falará do emprego e das aplicación das algas como fertilizante en agricultura.

Numeroso alumnado asistiu á conferencia de García Herradón na Fonsagrada

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2014.