García Quintela quere “repensar o contrato social” entre Facultade e sociedade como novo decano de Xeografía e Historia
“Non quero que a pandemia someta aos meus, non quero que a pandemia someta o meu traballo, e tampouco o de todos nos”. Esta foi unha das primeiras ideas que Marco Virgilio García Quintela defendeu este venres no seu discurso de toma de posesión como novo decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC. “Como Universidade temos que rebelarnos para ser quen de construír outra realidade nova”, engadiu nun acto presidido polo reitor Antonio López e que se desenvolveu no Paraninfo.
García Quintela vertebrou a súa intervención arredor dos retos aos que pensa facer fronte nesta nova etapa no goberno da Facultade, cuxo eixo consistirá en “repensar o contrato social que a facultade como institución pública ten coa sociedade”. “Temos que definir ese contrato en termos de compromisos públicos e tanxibles. Ese novo contrato ten que ser a ferramenta para recompoñer os desequilibrios que temos”, explicou o novo decano.
Docencia e investigación
No capítulo de docencia, García Quintela subliñou que as prazas nos tres graos que oferta a Facultade completáronse no presente ano académico e que, a partir da reforma dos plans dos graos de Historia e de Historia da Arte, o obxectivo é “mellorar a formación dos nosos graduados e combinar os retos de coñecemento actuais co respecto e coñecemento da nosa tradición intelectual”. O novo decano puxo o foco na relevancia da participación dos estudantes, en multitude de aspectos, “dende ter o hábito de falar nas aulas, ata a integración activa nos órganos de participación e goberno da facultade”.
“A investigación define o que somos como facultade”, continuou García Quintela. A investigación, dixo, “é un aspecto fundamental da definición do noso contrato social”. Neste punto, o novo decano aproveitou para realizar un percorrido polos diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver na Facultade ao abeiro de diferentes convocatorias autonómicas, estatais e internacionais. Finalmente, o novo decano quixo aproveitar o deu discurso para lembrar que o ano 2022 será o do centenario da implantación dos estudos de Historia na Universidade, así como para poñer o foco no seu valor patrimonial: “temos, tamén, unha biblioteca que é, e debe seguir sendo, o noso patrimonio máis relevante”. Completan o novo equipo decanal como vicedecanos Antonio Míguez Macho, para Asuntos Académicos; María José Piñeira Mantiñán, de Asuntos Económicos; e Carmen López Calderón, como secretaria.
Relevo xeracional
“Concordo coas propostas e o diagnóstico” afirmou o reitor da USC na súa intervención tras escoitar o discurso do novo decano. Antonio López fixo especial fincapé no capítulo relativo á renovación do persoal ao explicar como ese relevo xeracional estase a levar a cabo a través da potenciación da figura do axudante doutor. “Abrir a carreira universitaria dende abaixo”, dixo Antonio López, é a chave para materializar este reto. Pola súa parte, o decano saínte, Francisco Durán, aproveitou a súa intervención para dar as grazas a todo o persoal da Facultade que o acompañou no seu periplo á fronte do centro, subliñando a súa “dilixencia e eficacia”.
Currículo
Catedrático de Historia Antiga, Marco Virgilio García Quintela ten estudado a relación entre pensamento e sociedade a través de diferentes fontes literarias e testemuños arqueolóxicos de diferentes épocas e áreas: da Grecia arcaica, a Roma primitiva ou da Galicia antiga protohistórica e tardía, entre outras. Desenvolve o seu traballo cun enfoque multidisciplinar que o leva a colaboracións con persoal investigador da filoloxía, arqueoloxía, astrofísica, pedagoxía ou da xeoloxía. Entre as súas publicacións destacan 15 libros como autor, 5 como editor e 76 artigos de revisión, 32 deles en publicación indexadas en WoS.
Entre 2004 e 2020 coordinou o grupo de investigación Syncrisis, Investigación en formas culturais, primeiro da USC no ámbito das Humanidades por produtividade científica entre 2013 e 2017 e catalogado como pola Xunta de Galicia como Grupo Competitivo de Referencia en base a criterios competitivos en convocatorias públicas en 2014 e 2018. Tamén participou (2014-2015) na rede autonómica de financiación e base competitiva ‘Consilience’ con grupos de Ciencias da Terra, e na rede ‘Patrimonio Cultural: Servizos Históricos e Técnicos’ (2017-2018).