Da ‘garçonne’ á ‘pin-up’, a muller na primeira metade do XX

“Non só a sociedade se asenta na diferenza de sexos, tamén a Historia e as súas grandes transformacións levan ensambladas prototipos de masculinidade ou feminidade”. Desta premisa parte a tese de doutoramento que Mercedes Expósito García acaba de defender na USC –coa máxima cualificación unánime– baixo o título ‘Las mujeres de la nueva civilización (1900-1950)’ e a dirección de María Xosé Agra. A Primeira Guerra Mundial e a Segunda constitúen dous episodios fundamentais para comprender as novas formas de entender a masculinidade e a feminidade. Na primeira, explica a autora, xérase unha figuración de muller independente –a garçonne– mentres que na segunda aparece outra que garda relación cunha época anterior, a vitoriana, e que conleva un retorno da submisión e a dependencia respecto ao home: a pin-up. “O primeiro caso supón un claro precedente para a actual crise de identidades de xénero e o segundo unha vontade de restablecer a orden dun eterno feminino e un eterno masculino ben delimitados”, sentencia Expósito. Por tanto, conclúe, “lonxe das teses que defenden a idea dun progreso histórico sempre en marcha cara adiante”, a Historia das mulleres e as súas loitas pola cidadanía e o recoñecemento da súa humanidade “componse tamén de correntes contrarias que levan ao estancamento, e incluso a involución e o retroceso”. A tese O traballo estrutúrase en tres partes perfectamente delimitadas. A primeira trata, por un lado, o tipo de historicidade que orienta a filosofía feminista e os estudos sobre historia das mulleres. Por outro, certos movementos, tamén de mulleres, que entre os séculos XVI e XVIII se preocuparon por cuestións culturais relacionadas co saber e a escritura. Finalmente, profunda naquelas pioneiras que reivindican, cada unha á súa maneira, dereitos políticos: as galegas Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, a sueca Ellen Key, as inglesas Emmeline Pankhurst e Virginia Woolf e a francesa Madeleine Pelletier, entre outras. A segunda parte arranca dun vello imaxinario relixioso e filosófico de Occidente que ve na subversión do principio feminino unha encarnación do mal para o conxunto social. Así, analízase a figuración de Eva e outras que lle seguiron (mulleres varonís, amazonas, lesbianas e hermafroditas, as fatais do cinema, etc...) pero sobre todo as ‘mulleres novas’, as sufraxistas e as garçonnes, “ que se percibirán como outras tantas ameazas a unha orde necesaria para o sistema dos dous sexos heterosexuais”, matiza a autora.
A última parte trata de comparar certas historias políticas e culturais que se desenvolveron durante o século XX entre Estados Unidos e Europa, algunhas delas grazas aos impulsos que recibiu un eixo franco-angloamericano no que se inscribe a maioría da produción teórica feminista. A evolución prodúcese, explica Mercedes Expósito, dende París como modo de vida alternativo e radical propicio ao feminismo, “un contexto no que puido nacer un prototipo acabado de muller independente como é a garçonne parisina” ata un mito que se fará popular coas imaxes que difunde a industria cinematográfica logo da chegada do cinema sonoro, “ a muller norteamericana sexy, a pin-up, o exemplo da feminidade mixtificada”.
Mercedes Expósito, doutora pola USC Marlene Dietrich caracterizara conforme ao modelo garçconne