GEM Galicia participa nun estudo para profundar no espírito emprendedor universitario
O equipo de GEM Galicia (Global Entrepreneurship Monitor), no que participa profesorado da USC, súmase un ano máis ao proxecto Global University Entrepreneurial Spirit Student´s Survey (GUESSS), unha sondaxe coa que se pretende ofrecer indicadores para coñecer e impulsar o espírito emprendedor dos e das universitarias, facendo recomendacións prácticas ás autoridades educativas, ao estudantado e ao profesorado. En concreto, a décima edición mundial do proxecto GUESSS que xa se atopa en marcha pretende mobilizar máis de 3.000 universidades en 60 países. En España, participan 70 institucións académicas e espérase superar os máis de 90.000 participantes da anterior edición do proxecto. As persoas interesadas en participar poden facelo a través da web do proxecto.
Nos últimos vinte anos elevouse en gran medida o nivel de formación das persoas que emprenden: a porcentaxe de proxectos postos en marcha por persoas con estudos superiores pasou de algo máis do 20% en 2003 a máis do 50% en 2022. “No sistema educativo e en especial na Universidade, o coñecemento é en todo o mundo un sementeiro de iniciativas emprendedoras de alto potencial que dinamizan a calidade e capacidade do tecido empresarial dos países”, explican dende o equipo de GEM Galicia.
Neste senso, GUESSS mide as intencións futuras de elección de carreiras profesionais das persoas universitarias, ao termo dos seus estudos e as súas perspectivas nun horizonte de cinco anos; as iniciativas emprendedoras nas que están involucrados mentres estudan; as empresas que crearon e xestionan, analizando as súas características; e o contexto da universidade, formación xenérica e específica en emprendemento que reciben, así como servizos de apoio que se ofrecen para emprender. Estes indicadores complétanse e analizan por xénero, ramas de especialidade, antecedentes familiares, benestar persoal e outras variables que poden condicionar o comportamento emprendedor.
Segundo os resultados obtidos nas últimas edicións, algo máis do 70% dos universitarios de España ao rematar os seus estudos elixen ser empregados por conta allea, mentres que o 13% desexa emprender un negocio, porcentaxe que aumenta ao 23% nun horizonte de cinco anos. Ademais, se en 2014 o 9% do estudantado estaba involucrado no proceso de iniciar unha empresa, esa porcentaxe pasa ao 19% en 2021. No caso específico da USC, na edición 2021 do estudo participaron 1.800 estudantes.