Ir o contido principal

George Greenia dona a contía do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao Instituto de Estudos das Peregrinacións de William & Mary

De esquerda a dereita, George Greenia, Atonio López, Carmen Pomar e Teresa Carballeira. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, George Greenia, Atonio López, Carmen Pomar e Teresa Carballeira. Foto: Servimav-USC

O galardoado co XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia, George Greenia, anunciou este mércores a doazón da contía económica do galardón ao Instituto de Estudos das Peregrinacións de William & Mary, unha entidade centrada na “investigación científica das viaxes de transformación persoal en todo territorio, tempo e tradición”, segundo explicou. Tras detallar algunhas das liñas de investigación do instituto en torno a diversas rutas de peregrinación internacionais, destacou que o éxito do Camiño de Santiago “ofrece un modelo de hospitalidade, de valores espirituais e de comprensión que inspira a todos”.

“Non podíamos atopar mellor embaixador para avanzar no espallamento do fenómeno xacobeo” afirmou Antonio López en referencia á elección de George Greenia como gañador do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia. Ademais de agradecer a súa presenza en Compostela, o reitor destacou ao premiado como un “profundo coñecedor dos valores do Camiño, valores a proxectar e que son parte esencial do éxito desta ruta”. Pola súa banda, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, salientou a súa relevancia para fortalecer o proxecto europeo, e sinalou que neste momento “é máis importante ca nunca poñer de relevancia a figura das persoas e entidades que acadaron este recoñecemento”. Neste sentido explicou que as premiadas e premiados, “desde a excelencia que demostran nas súas disciplinas particulares, desenvolven un intenso traballo a favor do que é sen dúbida o máis importante dos valores de Europa, a convivencia pacífica e cooperativa entre os pobos”.

Recordando o perfil do premiado, a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, Teresa Carballeira, subliñou que a concesión do galardón deste ano “simboliza á perfección o espírito do Grupo Compostela de Universidades ao conxugarse na figura de George Greenia a cultura do vello continente e a enerxía dinamizadora do novo mundo”.

Cerimonia de entrega
A cerimonia de entrega do XXIII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia terá lugar o próximo 4 de xuño no marco da XXV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano acollerá a Universidade de Guadalaxara (México). Nesta cerimonia Greenia recibirá unha cuncha de ouro, o emblema do Grupo Compostela de Universidades.

Perfil do galardoado
George Greenia é fundador do Instituto de Estudos das Peregrinacións e presidente de Alpha Delta Gamma Sociedade Nacional Honoraria de Estudos Medievais e do Renacemento, ambas establecidas na institución de educación superior William & Mary.

Autor de diversos libros de texto de aprendizaxe do español e numerosos artigos sobre o Medievalismo hispánico. Na actualidade é editor no boletín e revista medieval La Crónica sobre lengua y literatura españolas de la División de Español Medieval de la Asociación de Lenguas Modernas e forma parte do Consello asesor de Cadernos de Estudos Galegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC, así como do comité científico da revista de estudos xacobeos e da peregrinación Ad Limina da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Entre as máis de vinte distincións e premios que ostenta, cabe destacar a Encomenda da Orde de Isabel la Católica que outorga S.M El Rey de España e o premio Ángel del Camino concedido pola confraternidade Enxebre Orde da Vieira de expatriados galegos que apoian ao Camiño de Santiago. George Greenia é profesor emérito de Linguas Modernas, doutor en Linguas Romances pola Universidade de Michigan (1984) e director emérito do Programa de Estudios Medievais e Renacentistas de William & Mary.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia
O Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. En edicións anteriores o premio recoñeceu o labor de persoeiros como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010), o Colexio de Europa (2012) e Marcelino Oreja Aguirre (2017).

O Grupo Compostela de Universidades
O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.05.2019.