Ir o contido principal

Germán Santamarina, reelixido co 80% dos votos para o segundo mandato como decano de Veterinaria

Germán Santamarina Pernas, no decanato da Facultade de Veterinaria
Germán Santamarina Pernas, no decanato da Facultade de Veterinaria
Fernández Trocóniz, Izaskun Ibarguren, Ana López e Rafaela Amaro completan o equipo que traballará a prol da renovación da acreditación do título e da avaliación europea

O profesor do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Germán Santamarina Pernas vén de ser reelixido para un segundo mandato como decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, logo da votación celebrada este martes no marco da última xunta de Facultade, un proceso no a súa candidatura, a única que concorría a este proceso, recibiu o apoio do 80,5% dos membros que integran a xunta de Facultade de Veterinaria

As profesoras Patricia Fernández Trocóniz Revuelta, en calidade de vice decana de Calidade e Relacións Exteriores; Izaskun Ibarguren Arizeta, en calidade de vice decana de Organización Académica e Estudantes; Ana María López Beceiro, como vice decana de Prácticas Externas e Infraestruturas, e Rafaela María Amaro González, que asumirá a secretaría académica da Facultade de Veterinaria, completan o novo equipo encargado de dirixir o centro universitario lugués durante os próximos anos. Afrontar nas mellores condicións posibles o proceso de renovación da acreditación do título de grao en Veterinaria, cuxa inspección terá lugar a comezos do vindeiro ano 2017 por parte da Axencia pola Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), e seguir a traballar na preparación e no cumprimento dos requirimentos esixidos para renovar a acreditación europea da Facultade de Veterinaria son dous dos obxectivos prioritarios que debe afrontar o equipo decanal electo, sinalou Santamarina, quen precisou que a comisión europea de avaliación da EAEVE visitará a Facultade de Veterinaria de Lugo no primeiro cuadrimestre de 2018. Implementar o Sistema de Garantía Interna de Calidade do Centro, co que supón de mellora continuada da planificación docente do título e o desenvolvemento de ensinanzas, dotación de renovación de recursos materiais constitúen, segundo sinalou Santamarina Pernas, outros dos retos a prol dos que traballará o equipo de dirección da Facultade de Veterinaria nos vindeiros anos, período nos que se pretende manter, cando non mellorar na medida do posible, o estatus de calidade deste centro universitario lugués, dixo. Germán Santamarina tamén aproveitou a súa intervención ante os compañeiros da xunta de Facultade de Veterinaria para facer público o seu agradecemento aos profesores Marta Miranda Castañón e José María Alonso, polo traballo desenvolvido durante os últimos catro anos como membros do equipo decanal. Asemade, o decano tamén amosou a súa gratitude e deu a benvida ás novas incorporacións: Ana López Beceiro e Rafaela Amaro García.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2016.