O golf, ferramenta para a aprendizaxe
O Club de Estudantes Emprendedores da USC trasladará o vindeiro luns 12 a súa actividade ao campo de golf do Real Aeroclub de Santiago, onde desenvolverá un programa de aprendizaxe de competencias directivas a través da práctica do golf denominado Greencoach.
Trátase dunha iniciativa totalmente innovadora no contorno académico para a que xa non quedan vacantes e na que na súa maioría se inscribiron estudantes dos últimos anos da Licenciatura en Administración e Dirección e Empresas.
A xornada do vindeiro luns 12 comezará ás 9:30 horas e nela traballaranse aspectos relacionados co rendemento persoal (rutinas e eficiencia persoal, aprendizaxe continuo, rendemento mental ou estratexia) e o traballo en equipo (liderado, comunicación, roles, ...).
O Greencoach é unha metodoloxía de aprendizaxe baseada no outdoor training que, nesta ocasión, se orientará á asimilación da aprendizaxe de competencias directivas. Os promotores da actividade, co profesor Joaquín Dosil á cabeza, subliñan que unha xornada de golf é a aula ideal con múltiples beneficios para un emprendedor ou futuro directivo. Neste senso, destacan o carácter innovador do método e do contorno, capacidade de motivación e de potenciar o aprendido ao longo do curso.
Na actualidade, as competencias directivas están consideradas como un elemento clave no desempeño dos mandos intermedios e a alta dirección, marcando a diferenza nesta nova etapa no mundo empresarial. As competencias ou habilidades directivas son habilidades de interrelación humana e de coñecemento de cada individuo, que se adquiren principalmente coa experiencia, non co coñecemento. Neste senso, o adestramento directivo engloba métodos que fan que o directivo practique habilidades que quere aprender.