Ir o contido principal

González Caamaño destaca a conservación de plantas ameazadas entre as principais aplicacións da biotecnoloxía no ámbito vexetal

González Caamaño, na súa intervención en Padrón
González Caamaño, na súa intervención en Padrón
A decana de Bioloxía e a investigadora da USC Anali Lizárraga guían en Padrón unha xornada divulgativa no marco do ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

A profesora de Biotecnoloxía Vexetal e decana da Facultade de Bioloxía da USC, Mª Luz González Caamaño, salientou en Padrón que a biotecnoloxía aplicada ás plantas, a través dun conxunto de técnicas que se basean no cultivo in vitro de tecidos e de células, “ten múltiples aplicacións, que van dende a micro-propagación de especies a grande escala ata a conservación do seu xermoplasma, pasando pola obtención de principios activos de plantas medicinais ou por aplicar sistemas de mellora xenética”.

A decana da Facultade de Bioloxía sinalou tamén que “unha das principais aplicacións da biotecnoloxía é a conservación da flora ameazada”, a composta por aquelas especies nas que hai un número moi baixo de individuos na natureza, cando o seu hábitat está moi deteriorado ou cando teñen grandes dificultades para reproducirse, sendo ademais difícil conseguir a súa conservación por outros medios, explicou. Nestes casos, “cos métodos e técnicas da biotecnoloxía, a partir de calquera anaco de planta poderemos rexenerar individuos completos e conservalos”, engadiu a profesora. González Caamaño e Anali Lizárraga Farfán, investigadora de doutoramento no departamento de Fisioloxía Vexetal da USC, abordaron este mércores en Padrón a temática da biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas ameazadas nunha dobre sesión desenvolvida ao abeiro das xornadas de divulgación científica ‘A conservación do medio natural, tarefa común’ , organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela. O subdirector de El Correo Gallego José Antonio Pérez Docampo foi o encargado de moderar as dúas sesións. A xornada desenvolvida en quenda de mañá celebrouse no IES Macías o Namorado e estivo orientada a docentes e estudantes deste centro de ensino e tamén do IES Camilo José Cela. Xa en quenda de tarde, o Auditorio da Fundación Pública Galega Camilo José Cela converteuse en sede dunha sesión aberta ao público e de asistencia gratuíta. As técnicas de biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas constitúen “unha ferramenta indispensable para a conservación das especies ameazadas que poden ser vulnerables ou que están en perigo de extinción”, indicaron as investigadoras da USC en Padrón, onde lembraron que en Europa existen na actualidade más de 20.000 taxóns de plantas vasculares. A Lista Vermella Europea de Plantas Vasculares inclúe 1.826 especies, das que 467 foron clasificadas como ameazadas de extinción. Ademais, no Libro vermello da flora ameazada e endémica de Galicia de 2012, aparecen 153 plantas ameazadas e delas, 58 en perigo crítico de extinción. Por provincias, repártense do seguinte xeito: 25 na Coruña, 13 en Lugo, 11 en Pontevedra e 9 en Ourense. Métodos para a conservación ex situ González Caamaño e Lizárraga Farfán deixaron constancia de que a conservación e almacenamento ex situ mediante biotecnoloxía para poder salvar estas plantas emprega tres métodos. O primeiro é a conservación mediante cultivos in vitro con crecemento mínimo, en condicións controladas de nutrientes, fitohormonas, luz e temperatura. Un segundo, é a encapsulación nunha matriz de alxinato chegando a conseguir sementes artificiais, técnica moi útil cando se busca unha conservación a medio prazo. As investigadoras sinalaron en último lugar a crioconservación, un proceso que consiste nun conxunto de técnicas que permiten preservar o xermoplasma das plantas, por longo períodos de tempo, a temperaturas moi baixas, de ata -196ºC, conseguindo a paralización completa do metabolismo celular mediante a súa inmersión en nitróxeno líquido. A cita de Padrón é a sétima que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A próxima cita será na Fonsagrada, o vindeiro venres 17 de outubro, e versará sobre a vaca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2014.