Ir o contido principal

Gonzalo Fernández Rodríguez, novo decano da Facultade de Veterinaria

Gonzalo Fernández Rodríguez, a carón dunha PCR nun laboratorio da Facultade de Veterinaria
Gonzalo Fernández Rodríguez, a carón dunha PCR nun laboratorio da Facultade de Veterinaria
Os profesores Luis Quintela, Margarita Rico, Maribel Quiroga, en calidade de vicedecanos, e José María Alonso, na secretaría académica, completan o novo equipo de goberno do centro universitario lugués, elixido co respaldo do 90,6% dos votos emitidos
Lugo

O profesor da área de Sanidade Animal da USC Gonzalo Fernández Rodríguez vén de ser elixido como decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, cargo no que sucede a Germán Santamarina Pernas, logo da votación celebrada este venres trala Xunta de Facultade, un proceso no que a candidatura de consenso liderada por Fernández Rodríguez obtivo o respaldo do 90,6%  dos votos emitidos.

A mellora da docencia impartida tanto ao alumnado do grao en Veterinaria como do máster en  Xenómica e Xenética e o reforzo da estratexia de formación permanente no centro (profesorado, estudantes, egresados e PAS) constitúe un dos piares sobre os que se asenta o proxecto de goberno presentado por Rodríguez Fernández, quen tamén asume como compromisos a progresiva implantación e desenvolvemento do sistema interno de garantía de calidade e o deseño dun novo plan estratéxico que, entre outros cometidos, contribúa a incrementar a visibilidade e o prestixio social da Facultade de Veterinaria da USC.

Alén de traballar a prol dunha maior conexión entre o centro universitario lugués e o tecido produtivo do sector primario, tanto no que se refire a gandeiros, sociedades científicas, centros tecnolóxicos e empresas ligadas ao sector agrongandeiro, Gonzalo Fernández Rodríguez comezou o seu mandato como decano facendo un chamamento á necesidade de contar con medios económicos e con instalacións para  desenvolver unha docencia práctica e de calidade.

A Fundación Rof Codina e o seu hospital veterinario constitúen desde fai anos unha importante ferramenta para o desenvolvemento da formación práctica do alumnado da Facultade de Veterinaria, que pronto poderá facer uso tamén da granxa experimental do Campus Terra que en breve entrará en funcionamento na finca Gayoso-Castro. A medio prazo, este centro universitario tamén agarda ter á súa disposición unha granxa de porcino, relatou o decano electo.

Na ambición de mellorar a formación, pero tamén a inserción laboral dos futuros egresados da Facultade, Gonzalo Fernández Rodríguez avoga por manter, cando non incrementar na medida do posible, a presencialidade da docencia ao longo do segundo cuadrimestre coa habilitación de aulas e grupos menos numerosos. Asemade, logo de lembrar o esforzo realizado nos últimos anos na Facultade de Veterinaria para establecer acordos e convenios con explotacións gandeiras, matadoiros, centros tecnolóxicos e de investigación... nos que o alumnado pode completar estadías en prácticas, Fernández Rodríguez entende que xa é o momento de impulsar obxectivos novos orientados a favorecer a empregabilidade dos egresados.

Equipo decanal

O equipo de goberno co que Gonzalo Fernández Rodríguez accede ao decanato da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo está formado por un grupo de docentes pertencentes a distintas áreas e departamentos e que representan as diferentes singularidades e sensibilidades dun centro universitario que conservará a mesma estrutura de gobernanza.

Fernández Rodríguez liderará así un equipo decanal integrado na súa maioría por alumnos e titulados/as das dúas primeiras promocións de veterinarios egresados da Facultade de Veterinaria de Lugo e no que Luis Quintela actuará como vicedecano de Organización Docente, Margarita Rico será vicedecana de Calidade, Maribel Quiroga asumirá as funcións de vicedecana de Prácticas e José María Alonso actuará como secretario académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2020.