Ir o contido principal

Gonzalo Fernández Rodríguez, reelixido decano da Facultade de Veterinaria

Gonzalo Fernández Rodríguez pertence ao grupo de investigación INVESAGA onde a súa tarefa céntrase nas enfermidades infecciosas dos animais
Gonzalo Fernández Rodríguez pertence ao grupo de investigación INVESAGA onde a súa tarefa céntrase nas enfermidades infecciosas dos animais
A mellora da saúde e o benestar dos animais e da saúde pública a través da excelencia na educación, a investigación, a práctica profesional e o servizo comprometido coa sociedade será o eixo sobre o que asente este novo mandato
Lugo

O profesor da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Gonzalo Fernández Rodríguez, acaba de ser reelixido decano da Facultade de Veterinaria nos comicios que se desenvolveron este xoves 9. Fernández Rodríguez obtivo 65 votos a favor e seis en branco.

Os obxectivos que se presentan nesta nova etapa baséanse en facer realidade a planificación realizada polo centro no marco do Plan Estratéxico 2024-2026 e na proposta de Grao de Excelencia. Neste senso, “as liñas estratéxicas refírense á planificación da ensinanza e desenvolvemento da docencia centrada no estudantado e no futuro da profesión, a xestión eficiente de recursos, a innovación docente, transformación dixital e internacionalización e a comunicación, transparencia e transferencia”, explicou o profesor Fernández Rodríguez.

Todo iso para que a facultade cumpra a súa misión de mellora da saúde e o benestar dos animais e da saúde pública a través da excelencia na educación, a investigación, a práctica profesional e o servizo comprometido coa sociedade e “siga sendo un referente no ámbito nacional e internacional”, subliñou o decano.

Gonzalo Fernández Rodríguez xa fora elixido en 2020 para dirixir a Facultade de Veterinaria. O profesor pertence ao grupo de investigación INVESAGA onde a súa tarefa céntrase nas enfermidades infecciosas dos animais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.05.2024.