Graduación dos graos en Enxeñaría Química, Física e Matemáticas en Compostela
As promocións 2010-2014 correspondentes aos graos en Enxeñaría Química, Física e Matemáticas celebrarán este venres 6 os seus respectivos actos fin de curso O reitor Juan Casares presidirá ás 18.30 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) a graduación da segunda promoción do grao en Enxeñaría Química. Logo da intervención de Elena Hernández e Saúl Iglesias en representación do alumnado, tomarán a palabra o padriño da promoción Héctor Rodríguez Martínez, o director do Departamento de Enxeñaría Química, Gumersindo Feijoo Costa, e o subdirector da ETSE, Francisco Omil Prieto. A intervención do director da factoría de Caldas da empresa Foresa Industrias Químicas del Noroeste, Luis Castro Besada, precederá á entrega de diplomas conmemorativo e á clausura a cargo do reitor compostelán. Física A promoción 2010-2014 da Facultade de Física celebrará a súa graduación tamén este venres 6 nun acto que comezará ás 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo decano do centro Luis Miguel Varela Cabo. O alumno Yasser Fuentes Edfuf abrirá a quenda de intervencións en representación do estudantado e continuará coa proxección dun vídeo conmemorativo e a intervención do alumno Pablo Fernández Garrido. Os discursos do padriño e da madriña da promoción, Alfredo Amigo Pombo e Elena López Lago, e a imposición de insignias e becas aos graduados completará o programa do acto. Matemáticas
Pola súa banda, a partir das 18.00 horas, a Facultade de Matemáticas acolle a celebración do acto fin de estudos do alumnado da terceira promoción (2010-2014) do grao en Matemáticas. Baixo a presidencia do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, o programa comezará cos discursos de César Sánchez Sellero e Alberto Cabada Fernández, padriños da promoción, a quen seguirán a decana da Facultade, Victoria Otero Espinar, e o reitor electo e profesor deste centro, Juan Viaño. O acto rematará coas intervención dunha representación da promoción e a entrega de diplomas conmemorativos.