Ir o contido principal

As granxas, laboratorios vivos para estudantes de Veterinaria

García Lara (sexto pola esquerda), con alumnado de Veterinaria na Granxa Experimental do Campus Terra en Castro de Rei
García Lara (sexto pola esquerda), con alumnado de Veterinaria na Granxa Experimental do Campus Terra en Castro de Rei
A Facultade de Veterinaria da USC estende ‘aulas’ ao Centro de Recría de Novillas e a Granxa Experimental do Campus Terra con sesión “prácticas e vivas” que achegan ao alumnado á realidade das explotacións gandeiras e melloran a súa conexión co sector
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC traslada parte das súas ‘aulas’ á granxa, un laboratorio vivo no que o alumnado avanza no seu proceso de aprendizaxe de forma práctica, ao tempo que afonda no seu coñecemento do traballo cotiá dos gandeiros e conecta así coa realidade do sector. Daquela, a vaca, nas súas distintas etapas e procesos vitais, constitúe así un animal pouco menos que omnipresente na travesía académica dos futuros veterinarios egresados da USC, mozas e mozos que atopan no Centro de Recría de Novillas e na Granxa Experimental postas en marcha pola Deputación Provincial de Lugo nas súas instalacións de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) observatorios de primeira magnitude para achegarse e, no seu caso, avanzar na súa especialización cara ao gando vacún.

A  posibilidade de dispor destas instalación gandeiras para usos de docencia e investigación do alumnado, así como do persoal docente e investigador da Facultade de Veterinaria representa un activo importante para o centro universitario lugués, que tamén atopa na Fundación Rof Codina un aliado non menor no que atinxe á provisión de animais de renda (reses de gando vacún e cabalar). A este abano de recursos acaídos para a promoción da aprendizaxe práctica e in situ, cómpre sumar tamén o Animalario do Campus Terra, outra dotación que redunda en beneficio da capacitación e da I+D no eido da veterinaria, ao tempo que permite diversificar as especies faunísticas.

Daquela, no país do millón de vacas, este mamífero clave para a economía agrogandeira tamén actúa como protagonista destacado no día a día da Facultade de Veterinaria da USC, cuxo alumnado trasládase a miúdo do pupitre á granxa para poñer testar, cando non poñer en práctica, coñecementos de sanidade, saúde, alimentación, produción e reprodución animal, así como respecto a outros múltiples parámetros non menos relevantes, como é o caso das condicións e do grao de benestar dos propios animais.

Sesións prácticas e activas

As sesións formativas impartidas nas granxas son “prácticas e activas”, sinalan os profesores da Área de Produción Animal Ignacio García Lara e Ramiro Fouz, que nas últimas semanas acompañaron aos preto de 120 estudantes de segundo curso do grao en Veterinaria ao Centro de Recría de Novillas e á Granxa Experimental do Campus Terra.

Guiados polo director do centro de recría de novillas localizado en Castro de Ribeiras de Lea, Rogelio Grille, e pola veterinaria Noelia Mourazos, a comitiva universitaria coñeceu de primeira man o manexo dos animais e o proceso de recría de novillas de vacún de leite que se segue neste centro, ao que as reses chegan con poucos días ou semanas de vida e volven ás súas explotacións de orixe preto de dous anos despois cando están a piques de parir.

Esta acción permite ao alumnado familiarizarse co proceso de cría e recría das futuras vacas produtoras de leite, ao tempo que tamén lles achega aos futuros veterinarios información sobre ámbitos do manexo, recepción do gando, distribución en lotes, hixiene, alimentación, reprodución , control de crecemento e mesmo respecto dos programas sanitarios que seguen os animais, comentan os docentes.
As prestacións académicas que ofrece no caso desta materia a Granxa Experimental do Campus Terra son diferentes, engaden estes dous profesores da Área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria, que citan a análise das instalacións gandeiras (establo), o estudo das súas características, equipamentos, dimensións..., ademais dos compoñentes e do funcionamento do robot de muxido entre os coñecementos que pode adquirir o alumnado.

O índice de confort das vacas, unha variable tanxible a través de indicadores asociados á dimensión dos cubículos ou a o estado de limpeza dos animais, ou a análise do grao de confort gandeiro, avaliable a partir de datos ambientais de temperatura, ventilación, iluminación, concentración de gando... son outros dos parámetros que tiveron ocasión de testar os estudantes na Granxa Experimental do Campus Terra, en cuxas instalación tamén desenvolveron prácticas de laboratorio para analizar mostras de leite e costros de vacún leiteiro, comentaron Ignacio García Lara e Ramiro Fouz.

Alumnado de Veterinaria nas instalacións do Centro de Recría de Novillas de Castro de Ribeiras de Lea
Alumnado de Veterinaria nas instalacións do Centro de Recría de Novillas de Castro de Ribeiras de Lea
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2021.