Ir o contido principal

O grao en Enxeñaría Química e o mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos conseguen o Selo ICheme

Foto de grupo do equipo de goberno con reponsables do centro e persoal implicados na consecución do selo. Foto: Servimav
Foto de grupo do equipo de goberno con reponsables do centro e persoal implicados na consecución do selo. Foto: Servimav

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, entregoulle este luns á Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) o diploma acreditativo do Selo ICheme aos seus títulos de grao en Enxeñaría Química e mestrado en Enxeñaría Química e Bioprocesos que se imparten nese centro.

O IChemE é un selo de calidade europeo que outorga a institución de Enxeñeiros Químicos (Institution of Chemical Engineers) e que permite optar á categoría de Chartered Engineer, un título profesional que avala a calidade da preparación dos profesionais da enxeñaría e que se esixe en moitos países para acceder aos postos máis atractivos do sector. Como dixo o reitor no acto, “coa obtención deste selo garantimos que os nosos titulados se sitúan nas mellores condicións posibles para lograr desenvolver a súa carreira profesional”.

Do selo que se acaba de acadar para o grao e o mestrado da ETSE ata o ano 2022 xa dispuxeran con anterioridade as tituladas e titulados en Enxeñaría Química, que tamén viron acreditado o grao para o período 2013-2017.

Segundo manifestou Viaño, a Universidade debe poñer en marcha mecanismos de apoio “que cómpre facer funcionar acaídamente”, coa fin de garantir o correcto funcionamento do proceso formativo, “ velando porque se acaden os obxectivos da aprendizaxe, incluíndo entre os seus procesos os obrigatorios relativos ao seguimento e acreditación das titulacións”. Pero tamén, engadiu, “debemos ir máis aló da obrigatoriedade normativa e potenciar que o noso alumnado, ademais de recibir unha formación de calidade, dispoña tamén de distintivos que lle permite unha mellor inserción no mercado de traballo”.

No acto da entrega, no Salón de Graos de San Xerome, participaron o director da ETSE, Antonio Mosquera González; o director do Departamento de Enxeñaría Química, Ramón Méndez Pampín; o coordinador do grao, Gumersindo Feijoo Costa; e a coordinadora do mestrado, Julia González Álvarez, a quen o reitor lles agradeceu persoalmente o seu esforzo para conseguir que a Escola Técnica Superior de Enxeñaría sexa hoxe un centro “exemplar no que atinxe á xestión da calidade, e sobre todo, á cultura da calidade, unha premisa que hoxe en día impregna calquera das súas accións”.

Máis calidade Durante este ano, e como parte das accións recollidas no Plan Estratéxico de Internacionalización, someteranse a avaliacións para os selos EURACE o Grao en Enxeñaría Civil, o Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e o Mestrado en Enxeñaría de Montes, impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Tamén optará ao selo Chemistry Quality Eurabel o Grao en Química, da Facultade de Química.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2018.