Ir o contido principal

O grao de Enxeñaría Química da USC renova a súa acreditación polo IChemE para o período 2013-2017

Investigadores nun dos laboratorios empregados no grao de Enxeñaría Química
Investigadores nun dos laboratorios empregados no grao de Enxeñaría Química
Esta certificación internacional, que só posúen dúas universidades en España, permite a homologación mundial do título e abre novas posibilidades no mercado laboral

O grao en Enxeñaría Química impartido na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago vén de renovar a súa acreditación internacional, na modalidade de máster (MEng), para o período 2013-2017 por parte do Instituto Europeo de Enxeñeiros Químicos (IChemE), un organismo fundado en 1922 con base no Reino Unido, e que xa no ano 2011 recoñecera con esta distinción á titulación en Enxeñaría Química impartida na USC. Esta certificación internacional do IChemeE, que en España soamente comparten os graos de Enxeñaría Química das universidades de Santiago e Valladolid, habilita ao estudantado que complete os estudos do grao de Enxeñaría Química na USC para optar á categoría de Chartered Engineer, un título profesional homologable e recoñecido a nivel mundial que “abre as portas para poder acadar traballos en importantes empresas e organismos internacionais”, segundo salienta o director do Departamento de Enxeñaría Química da USC, Gumersindo Feijoo Costa. O novo proceso de acreditación da titulación en Enxeñaría Química da USC por parte do IChemE consistiu nunha exhaustiva avaliación interna e externa que abrangueu: programas das materias, metodoloxía docente, competencias e capacidades dos titulados, infraestruturas (biblioteca, WiFi, aulas...), dotación dos laboratorios de prácticas, participación en programas de intercambio (Erasmus, Séneca...) transferencia da investigación á docencia, prácticas e visitas a instalacións industriais ademais de, entre outras cuestións, aspectos éticos e da sustentabilidade, relatou Feijoo Costa. O Instituto Europeo de Enxeñeiros Químicos, unha entidade que agrupa preto de 30.000 enxeñeiros químicos de 113 países, está considerado, xunto con ABET de Estados Unidos, como unha das institucións de maior prestixio logo de ter acreditado o BSC ou o Máster en Enxeñaría Química en máis de 60 universidades arredor do mundo. No caso da renovación da acreditación do grao de Enxeñaría Química da USC, o IChemE nomeou un comité avaliador formado polos profesores David Bogle, do University College London, e Rafaella Ocone, da Heriot Watt University de Edimburgo, ademais de polos doutores Les Bolton, da compañía British Petroleum Internacional, e Daniel Pacho-Carrillo, de British Gas Group Plc. A mobilidade do estudantado, así como a avaliación das súas capacidades e perfís mediante o ‘ Assessment Center’, xunto coa introdución da Aula profesional no programa de estudos ou a cultura da seguridade no ámbito laboral e industrial as innovacións (algunhas delas incorporadas ao catálogo de ‘mellores prácticas’ do organismo avaliador), como as excelentes relacións coa industria e a investigación de calidade que se ven reflectidas na docencia, a realización do Asessment center (avaliación de capacidades profesionais), o ensino en inglés, o fomento da docencia por medio dos ‘Premios Leonardo’ e, especialmente, o entusiasmo mostrado por profesores e alumnos, foron algunhas das fortalezas salientadas no grao de Enxeñaría Química da USC polo comité avaliador do IChemE. Escola Técnica Superior A validación da certificación internacional do IChemE para o grao de Enxeñería Química reporta tamén vantaxes e efectos positivas para a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, o centro máis novo da USC. Foi creada no ano 2003 co obxectivo de dar acubillo as titulacións tecnolóxicas do campus de Compostela nos ámbitos das Enxeñarías Ambiental, Informática e Química e actualmente está dirixida por un equipo de goberno liderado por Antonio Mosquera. A acreditación internacional da titulación en Enxeñaría Química permitirá non só potenciar e ampliar os vínculos internacionais do departamento homónimo, senón que tamén favorecerá o intercambio de estudantes desta e doutras das titulacións impartidas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC con universidades doutros países.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2013.