Ir o contido principal

Os graos de Enxeñaría Civil e Forestal e o máster de Montes da EPS de Enxeñaría da USC acadan o selo internacional de calidade EUR-ACE

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC
A acreditación europea garante que os títulos impartidos en Lugo teñen un alto grao de calidade e responden ás necesidades dos sectores profesionais fixadas pola Enaee

Os títulos de grao en Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como a titulación de máster en Enxeñaría de Montes impartidos na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do campus de Lugo da USC veñen de recibir o selo de calidade internacional EUR-ACE, un distintivo outorgado pola European Network for Acreditation of Engineering Education (Enaee).

A acreditación expedida pola Enaee constata e garante que estes tres programas de estudos superiores (dous graos e un posgrao) no ámbito das enxeñaría impartidos no campus de Lugo cumpren cos estándares de calidade e son acaídos para atender e dar resposta ás necesidades dos sectores profesionais determinadas pola European Network for Accreditation of Engineering Education. Deste xeito, a EPS de Enxeñaría de Lugo convértese no primeiro centro da USC e dos primeiros do Sistema Universitario Galego (SUG) que conta con esta certificación de calidade.

A obtención da acreditación EUR-ACE, un procedemento externo de avaliación de calidade promovido a finais de 2017 polo Instituto de Enxeñaría de España e desenvolvido en coordinación cos procesos impulsados pola Axencia Nacional Española de Avaliación da Calidade (Aneca), constitúe o remate dun longo e meticuloso proceso de análise e avaliación que comezou a desenvolverse a mediados de xullo de 2018, data na que a comisión externa responsable deste proceso de acreditación visitou o centro universitario lugués para proceder ao seu traballo de supervisión e avaliación, así como a quenda de xuntanzas cos responsables académicos de cada título.

O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo Costa, e as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo e de Organización Académica, Montserrat Valcárcel e Celia Besteiro, respectivamente; a xefa da Área de Calidade e Mellora dos Procedementos, Pilar García, así como o equipo de dirección da EPS de Enxeñaría, que lidera o profesor Tomás Cuesta, e os adxuntos á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, Jesús Varela e Elvira López Mosquera, son, ademais do profesorado e demais PDI da EPS de Enxeñaría de Lugo, algúns dos responsables da USC con implicación nun minucioso e exhaustivo proceso de verificación que chegará ao seu remate o 19 de xuño coa entrega das acreditacións EUR-ACE no transcurso dun acto que se desenvolverá en Madrid, na sede do Instituto de Enxeñaría de España.

Verificación definitiva do grao en Robótica

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) vén de remitir á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC o informe final de avaliación da solicitude de verificación do título de grao en Robótica, un documento no que a Acsug emite a súa resolución favorable cara a implantación o próximo curso 2019-20 dunha titulación que cumpre todos os requisitos establecidos.

O informe definitivo co que a Acsug valida a inminente implantación do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría de Lugo produciuse logo da avaliación da proposta do plan de estudos previamente presentada desde a USC. O traballo de supervisión deste título recaeu nunha comisión avaliadora da rama de coñecemento de Enxeñaría e Arquitectura integrada por expertos nacionais e internacionais do ámbito académico, profesional e estudantil e desenvolveuse de xeito colexiado, segundo o protocolo de avaliación para a verificación de títulos universitarios oficiais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2019.