Ir o contido principal

Seis graos da USC sitúanse entre os máis destacados do ‘Ránking das 50 Carreiras’

Alumnado en biblioteca Intercentros de Lugo
Para a súa elaboración, o ránking conta coa información procedente de enquisas entre o profesorado e os datos facilitados polas propias universidades.
Farmacia, Odontoloxía e Óptica e Optometría, no terceiro posto dos seus respectivos ámbitos, nunha lista de honra que tamén integran Enxeñaría Química (4º), Matemáticas (5º) e Veterinaria (5º)
Lugo, Santiago de Compostela

Seis graos da Universidade de Santiago sitúanse entre os máis destacados do ‘Ránking das 50 Carreiras’:  Farmacia, Odontoloxía e Óptica e Optometría sitúanse na terceira posición de entre as titulacións da súa especialidade, mentres que Enxeñaría Química ascende á cuarta posición e Matemáticas e Veterinaria, á quinta posición.

Para a elaboración desta clasificación, o xornal El Mundo toma en consideración os resultados dunha enquisa “voluntaria, anónima e aleatoria” realizada entre profesorado universitario. Nesa enquisa, que representa o 40% da valoración total da nota outorgada a cada grao xulgado, o profesorado valora os mellores centros para impartir a súa titulación, os puntos fortes e débiles da súa universidade e as principais liñas de investigación do seu departamento. Un segundo elemento sobre o que se sustenta a cualificación final son os datos facilitados por cada universidade, o que supón o 50% da nota total. Finalmente, e segundo especifica o xornal en alusión á metodoloxía empregada, tamén se teñen en conta “outros estudos externos. Por exemplo, a clasificación en ránkings internacionais, informes da Aneca ou os resultados de informes de universidades españolas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2023.