Ir o contido principal

Un grupo de 54 bolseiros da Fundación Carolina visitaron a Universidade de Santiago

Bolseiros da Fundación Carolina reuníronse co reitor Senén Barro no Colexio de Fonseca
Bolseiros da Fundación Carolina reuníronse co reitor Senén Barro no Colexio de Fonseca
Procedentes de dezaseis países de Latinoamérica, os bolseiros percorren Galicia dentro das actividades do Programa Vivir en España da Fundación

Un grupo de 54 bolseiros da Fundación Carolina visitaron este sábado a Universidade de Santiago nunha viaxe na que, en colaboración coa Xunta de Galicia, están a coñecer a Comunidade Autónoma dentro das actividades do Programa Vivir en España.
Estes universitarios, dos que catro estudan na USC, chegaron a Santiago logo de partir do Monte do Gozo para percorrer unha etapa do Camiño de Santiago acompañados polo coordinador de Relacións Exteriores da Vicerreitoría de Relacións Institucionais da USC, Francisco Javier Sanjiao. Xa na cidade, e logo dunha recepción do alcalde no Concello de Santiago, foron recibidos polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, no Colexio de Fonseca onde participaron nun xantar.
Durante a visita á institución docente compostelá, e enmarcado no programa Universidade Viva, os bolseiros da Fundación Carolina realizarán un percorrido de hora e media de duración polos colexios de Fonseca e San Xerome, o Paraninfo da Universidade e as bibliotecas máis emblemáticas para rematar subindo á terraza da Facultade de Xeografía e Historia dende onde se pode contemplar unha das vistas máis espectaculares da cidade. Estas visitas son dirixidas por investigadores de Terceiro Ciclo dos departamentos de Historia da Arte e Xeografía que lle amosarán os tesouros tanto artísticos como históricos que a cinco veces centenaria institución mantivo ata agora baixo chave.
Fundación CarolinaA Fundación Carolina desenvolve un programa de formación que ten por obxecto facilitar e promover a ampliación de estudos de licenciados universitarios así como a especialización e actualización de coñecementos de, neste caso, posgraduados procedentes de América Latina. Entre as súas actividades, ocupa un lugar destacado o Programa Vivir en España que ofrece aos seus bolseiros unha serie de actividades que lles permita coñecer en profundidade a realidade política, social e cultural española, así como facilitarlles o acceso a institucións culturais e de ocio.
Dezaseis nacionalidadesOs bolseiros da Fundación Carolina que visitan estes días Galicia proceden de practicamente todos os puntos de Iberoamérica, con estudantes de Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Ecuador, O Salvador, Honduras, México, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominica, Uruguai e Venezuela.
Dos 54 que asisten, oito realizan estudos en Universidades galegas, e destes catro na propia Universidade de Santiago, realizando o doutoramento ou o máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONG.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2008.