Ir o contido principal

Un grupo de Bioloxía representa o logo da USC nun graffiti de musgo

Empregáronse ata oito especies distintas de musgo para a súa confección
Empregáronse ata oito especies distintas de musgo para a súa confección

A medio camiño entre a arte graffiteira e a xardinería, integrantes da Facultade de Bioloxía acaban de confeccionar na parte traseira deste centro compostelán un graffiti de musgo de 3,5 metros de largo e 2,1 de alto representando o logotipo da Universidade de Santiago. Emprázase nun muro de contención que anteriormente se enchera de pintadas e que durante moitos anos estivera cuberto de vexetación. Aínda que a súa implantación en España na actualidade é moi reducida, os graffitis de musgo realízanse dende hai anos en diferentes países a través de diversas técnicas de confección, sendo un proceso moi sinxelo. Concretamente, a utilizada para a intervención na Facultade de Bioloxía consistiu no transplante de oito especies diferentes de musgo dunha roca situada a aproximadamente 100 metros de distancia na mesma orientación que logo pegaron con engrudo de fariña. Ademais da súa vertente artística e de axardinamento, estes graffitis cumpren unha misión de filtros atmosféricos xa que os musgos presentaran características físico-químicas e morfolóxicas que lles permiten capturar de forma moi eficiente contaminantes atmosféricos, como metais pesados ou hidrocarburos policíclicos aromáticos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2015.