Ir o contido principal

Un grupo de Ciencias da Educación inicia o banco de recursos educativos ‘Educar en tempos de COVID’

A iniciativa xurdiu coa pretensión de levar a cabo “un proxecto que nos conectara coa realidade que estamos vivindo”
A iniciativa xurdiu coa pretensión de levar a cabo “un proxecto que nos conectara coa realidade que estamos vivindo”
O material creado axuda a comprender que é unha pandemia ou un virus, como afrontar o confinamento ou recursos de apoio para afrontar psicoloxicamente a inestabilidade da actual situación
Santiago de Compostela

Educar en tempos de COVID. Con este lema, alumnado da materia Deseño e elaboración de Materiais Didácticos da Facultade de Ciencias da Educación, coordinados polos docentes Jesús Rodríguez Rodríguez e Tania Caamaño Liñares, botan a andar un banco de recursos educativos. Este é “un proxecto cooperativo no que cada ano, o novo alumnado que entre na materia, actualizará o banco procurando, analizando e seleccionando o material axeitado”, explica o profesor Jesús Rodríguez.

O banco recolle materiais e outros recursos organizándoos en función dos destinatarios aos que se dirixen. Así, contempla páxinas especificamente dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, ademais de apartados específicos dirixidos a familias, docentes e para os propios centros educativos. Á súa vez, dentro de cada apartado, os recursos dispoñibles están organizados en función da súa procedencia, de xeito que se atoparán agrupados por editoriais, revistas de educación, redes sociais, páxinas web ou blogs, entre outras categorías. Como alternativa, quen utilice a páxina tamén poderá facer buscas de recursos por temática (por exemplo, contos, guías, xogos,...) a través do buscador interno introducindo as palabras chave que precise.

O proceso de organización e selección do material partiu de diversas fontes como poden ser as redes sociais, páxinas web especializadas ou blogs temáticos. O primeiro criterio foi educativo, “o que serviu para que o noso alumnado comprendese a capacidade de adaptación e uso dos diferentes materiais e recursos atopados, así como traballar a súa percepción pedagóxica. O material debía estar creado para afrontar as diferentes situacións nas que nos vemos inmersos e axudar a comprender que é unha pandemia ou un virus, como afrontar o confinamento ou recursos de apoio para afrontar psicoloxicamente a inestabilidade da actual situación”, aclaran os promotores do proxecto. Outro factor aplicado na escolla foi que os materiais seleccionados debían “estar feito en galego ou por galegos/as”. Deste xeito “sabemos que non só se adecúan ao problema sanitario senón tamén á idiosincrasia da nosa comunidade.

A iniciativa xurdiu coa pretensión de levar a cabo “un proxecto que nos conectara coa realidade que estamos vivindo”. Neste senso, “poder crear un espazo para visibilizar todo ese traballo e talento que temos no noso sistema educativo tamén motiva o alumnado de cara á súa entrada no ámbito laboral, para ser mestres e mestras comprometidas co contexto e coa educación”, engaden Tania Caamaño e Jesús Rodríguez.

Coa idea de que este é un proxecto “de tod@s, para tod@S”, este banco de recursos está aberto á participación da comunidade educativa, inicialmente para afrontar as necesidades educativas derivadas da COVID, pero tamén como un repositorio no que se reúnan ferramentas de utilidade para o proceso educativo de rapaces e rapazas dun espectro amplo de idades, máis alá da época actual. “Partimos da premisa de que compartir é crecer en sociedade, e nesta páxina intentamos levar á practica esa idea”.

En conxunto, o repositorio deseñado na USC é “un espazo comunitario onde tanto alumnado, como familias, mestres e mestras, equipos directivos de centros educativos, e calquera persoa que queira ver que se fai en Galicia para educar en tempos de COVID-19, atopen contidos, recursos e ideas para seguir medrando”.  Pero indo máis alá, “tamén nos gustaría que fose unha xanela ao sistema educativo Galego, tan rico na súa creación e adaptación de materiais e recursos onde a pandemia non afectou a aprendizaxe global”. O equipo de Ciencias da Educación responsable deste proxecto considera que “hai moito material onde a cultura, as ciencias, a historia se entrelazan con esta situación social para xerar un proceso de aprendizaxe integral. Temos moi bos e boas profesionais na educación e gústanos poder amosalo dende este proxecto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.02.2021.