O Grupo Compostela de Universidades analiza en Santiago o papel da muller no ámbito social e investigador
O Grupo Compostela de Universidades celebra na Facultade de Ciencias da Comunicación o Foro Compostela sobre a Muller en investigación e sociedade, un encontro no que se analiza o papel da muller no ámbito social e investigador como vía para contribuír á desaparición da desigualdade por cuestións de xénero. A inauguración oficial tivo lugar nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Senén Barro; as conselleiras de Educación e de Cultura, Laura Sánchez Piñón e Ánxela Bugallo, respectivamente; e o presidente do Grupo Compostela, Michael Cooper.
En 2006, e como recoñecemento á súa contribución á promoción da muller no ámbito científico, o Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia concedéuselle por unanimidade ao Grupo Helsinki sobre Muller e Ciencia, colectivo constituído pola Comisión Europea en 1999 que reúne a 30 expertas en cuestións de xénero dos 15 estados membro da UE e dos 15 países asociados ao V Programa Marco para accións de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración da Comunidade Europea. Precisamente a representante deste Grupo en Lituania, Meilute Taljunaite, participou esta mañá no foro.
A modo de acción de difusión cultural e social complementaria á concesión do mencionado galardón ao Grupo Helsinki, ten lugar este encontro dinámico e plural para a análise e promoción do papel da muller no ámbito social e investigador. A actividade inicial foi a presentación do Grupo Helsinki sobre Mulleres e Ciencia, tras o que se tratarán cuestións como boas prácticas para participar no VII Programa Marco e se presentarán diversas iniciativas institucionais, relatorios e proxectos relacionados coa muller ou realizados por mulleres.
Programa do venres, día 26As iniciativas sobre cuestións de xénero no seo do Grupo Compostela centrarán a primeira das sesións do venres 26, na que expertas da Universidade de Liège, en Bélxica, comezarán presentando o grupo de traballo constituído a tal efecto. Pola súa banda, Asunción Bernárdez Rodal, da Universidade Complutense, avanzará os detalles do 10º Congreso Internacional Interdisciplinar sobre as Mulleres: Mundos de Mulleres-Women’s Worlds 2008. A estas intervencións seguiranlle outras nas que se afondará na realidade das mulleres e no feminismo como resposta.
Xa a partir das 11:30 horas, profesoras de diversas disciplinas científicas universitarias participarán en debates sobre a situación das investigadoras nas Universidades galegas e nos campos das Humanidades e da Ciencia.
O Foro Compostela sobre a Muller en Investigación e Sociedade rematará coa celebración, ás 16:00 horas, dunha mesa redonda sobre a situación da muller nos países mediterráneos e en Latinoamérica e na que participarán profesoras de Túnez, Arxentina e España.