Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades e a Asociación de Municipios del Camino de Santiago lanzan un programa de voluntariado

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) e a Asociación de Municipios del Camino de Santiago impulsan o programa de voluntariado para mozos e mozas University Walking Community, que se desenvolverá de xuño a setembro de 2019 en diversos concellos do Camiño Francés. Para lograr o obxectivo de promover entre a comunidade universitaria a realización de accións de voluntariado no Camiño, ambas asociacións concederán 40 bolsas ao alumnado interesado en participar nesta primeira convocatoria. As axudas inclúen un curso de formación e a cobertura do aloxamento, manutención e transporte local durante o período de voluntariado.

Os 40 estudantes seleccionados terán a oportunidade de realizar accións de voluntariado durante un mes en concellos situados ao longo desta ruta de peregrinación. Para acadar un maior aproveitamento da experiencia, a súa participación organizarase en dúas quendas, cunha duración ininterrompida dun mes. O primeiro do 10 de xullo ao 10 de agosto e o segundo do 10 de agosto ao 10 de setembro de 2019.

Presentación de solicitudes A convocatoria do programa de voluntariado está aberta a estudantes das universidades membro do GCU de 18 a 30 anos e que estean cursando estudios oficiais de grao ou posgrao. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o próximo 1 de abril de 2019 e toda a información da convocatoria está dispoñible na web do Grupo Compostela de Universidades.

O GCU
O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en tódolos ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2019.