Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades e a Consellaría de Cultura e Turismo colaboran na organización do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago

De esquerda a dereita Mª Teresa Carballeira, Román Rodríguez e Cecilia Pereira. Foto: GC
De esquerda a dereita Mª Teresa Carballeira, Román Rodríguez e Cecilia Pereira. Foto: GC
A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidadese o conselleiro de Cultura e Turismo asinaron este mércores un convenio de colaboración para organizar o encontro
Lugo, Santiago de Compostela

A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron este mércores un convenio de colaboración para a organización do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago nun acto conducido pola Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira.

O Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados da USC acollerá as principais actividades deste encontro internacional, que terá lugar do 9 ao 11 de outubro, visitando os asistentes tamén Chantada e A Coruña. Ata o momento, está confirmada a asistencia de 33 representantes institucionais dos órganos de goberno de 28 universidades socias da rede universitaria, procedentes de dez países europeos e americanos.

Na súa intervención tras a sinatura do convenio, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou a importancia do turismo de congresos e afirmou que se trata dunha boa oportunidade para “fortalecer o Camiño dende o coñecemento”. Ademais, destacou que o encontro “ promoverá a reflexión sobre o desenvolvemento sostible” e valorouno como “unha cita positiva para a difusión dos valores xacobeos nun ámbito tan importante como é o da Educación Superior”.

Pola súa banda, a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira, aclarou que “este encontro de reitores marca a nova dirección do Grupo Compostela de Universidades, agora máis identificado coas universidades socias e as súas inquietudes, máis unido ca nunca aos valores do Camiño de Santiago, razón e causa do seu nacemento”.

Programa
O programa do Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago inclúe na súa parte académica actividades como mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de expertos como a xefa da Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina da Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo. A cita completarase con visitas culturais e académicas á cidade da Coruña, degustacións de produtos galegos e un percorrido polo Camiño de Inverno na contorna da Ribeira Sacra. Na súa derradeira xornada, está previsto que se asine en Chantada a Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, expresión do compromiso das universidades e da súa vontade de traballar en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible na Educación Superior e da iniciativa de universidade europea.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.