O Grupo Compostela de Universidades e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais do Consello de Europa asinan un convenio de colaboración

O Grupo Compostela de Universidades e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais do Consello de Europa asinaron este venres en Santiago de Compostela un convenio para cooperar no desenvolvemento de actividades e estudos interdisciplinarios sobre itinerarios culturais no eido da educación superior. Ambas institucións, a través da Rede universitaria de estudos sobre os itinerarios culturais, traballarán conxuntamente no fomento do intercambio e a mobilidade interuniversitaria de estudantes e investigadores. Ademais, colaborarán no deseño de programas e proxectos de investigación nos que poñerán o foco nos itinerarios culturais do Consello de Europa.
Este acordo firmouse no marco do encontro académico final do proxecto ‘Unindo o coñecemento universitario no Camiño’, impulsado polo Grupo Compostela de Universidades e financiado pola Xunta de Galicia, dentro do programa O teu Xacobeo. Neste encontro os estudantes, profesores e persoal administrativo das universidades de Oviedo (España), Miño (Portugal) e Monterrey (México) presentaron as iniciativas dos grupos de traballo por universidades e interuniversitarios.
Dúas comisións de selección encargáronse de avaliar estas iniciativas tras as presentacións e outorgaron dous premios de 200 euros ás máis destacadas de cada modalidade. A cerimonia de entrega dos galardóns pechou o evento, que na súa parte académica incluíu relatorios de expertos como o conselleiro especial do programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, Eladio Fernández Galiano, e o fundador do Instituto de Estudos das Peregrinacións da institución de educación superior William & Mary, George Greenia.
O Grupo Compostela de Universidades
O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e dende a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.
O encontro académico final do proxecto ‘Unindo o coñecemento universitario no Camiño’ celebrouse no Paraninfo da Universidade. Foto: Santi Alvite