Ir o contido principal

O grupo De Conflictu Legum organiza unha xornada sobre os últimos desenvolvementos no Dereito Internacional Privado da UE

O grupo De Conflictu Legum organiza este venres 5 na Facultade de Dereito unha xornada sobre os últimos desenvolvementos no Dereito internacional privado da Unión Europea. A xornada, coordenada pola profesora Laura Carballo e o profesor Javier Maseda, contará coa presenza de catro destacados expertos internacionais como son o director do Instituto Max Planck de Dereito Comparado e Internacional Privado de Hamburgo, Jürgen Basedow; o profesor da Universidade Complutense de Madrid, Pedro de Miguel Asensio; o da Universidade de Coimbra, Rui M. Moura; ou a integrante do Max Planck Institut Luxembourg for International, European and Regulatory Procedural Law e profesora da USC, Marta Requejo. O doutor Jürgen Basedow presentará un relatorio relativo á harmonización, unificación e opcionalidade no dereito privado da UE. Jürgen Basedow é doutor honoris causa polas universidades de Estocolmo (2002), Xi'an Jiaotong (2008), Leuphana (2012), e Tiflis (2012) e integrante do Grupo Europeo de Dereito internacional privado e do Institut de Droit international. Ás mesmas institucións pertence o profesor Rui Manuel Gens de Moura Ramos, da Universidade de Coimbra, quen deixou a Presidencia do Tribunal Constitucional de Portugal no ano 2012. Previamente, foi xuíz do Tribunal de Primeira Instancia das Comunidades Europeas. Rui Manuel Gens de Moura reflexionará sobre ‘O novo regulamento comunitario relativo ao Dereito Internacional Privado das sucesións'. O profesor Pedro A. de Miguel Asensio, membro da International Law Association e a International Academy of Comparative Law, será o encargado de tratar o novo regulamento ‘Bruselas I bis’ e a profesora Marta Requejo Isidro será quen se encargue de presentar un relatorio alusivo á responsabilidade civil e violacións graves de dereitos humanos. A Xornada desenvolverase a partir das 10.00 horas e ao longo da mañá deste venres 5 no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Ao remate da sesión, as persoas que participen recibirán un diploma acreditativo de asistencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.04.2013.