Ir o contido principal

O Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo ofrece este luns un concerto na Casa do Saber

Cartaz do primeiro CD do Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo (ESMU Lugo)
Cartaz do primeiro CD do Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo (ESMU Lugo)
A formación dirixida por Efraím Díaz ofrecerá, a partir das 20.00 horas, un repertorio de pezas ligadas coa tradición oral e coa literatura galega

O Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo (ESMU Lugo), unha formación dirixida por Efraím Díaz, ofrecerá este luns 29 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, un concerto no que viaxará a través do tempo e da literatura galega cunha audición musical integrada por 14 pezas que lembrarán de xeito cronolóxico as distintas etapas literarias.

O repertorio que ofecerá nesta actuación o Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo (ESMU Lugo) ten un marcado carácter heteroxéneo, como o proba a inclusión de pezas como María soliña, de Celso Emilio Ferreiro, musicada por A.Paz Valverde; Romance do Cego Andante, Quen puidera Namorala, letra de Álvaro Cunqueiro musicada por L. E. Batallán; O Caracol, de Manuel María con música de Suso Vaamonde.

A estas catro pezas, que son unha pequena homenaxe, dos membros do noso grupo ós autores da literatura e música galega, cómpre sumar algunhas das cantigas de Afonso X, ou pezas tradicionais como Aparta loureiro verde, ou Unha noite na leira do trigo, con letra de Curros Enríquez e música de Cesáreo Alonso Salgado; o texto rosaliano Negra Sombra, con música de Xan Montes, o himno galego de Pascual Veiga, Lela, de Castelao; o himno de Acción Galega, de Ramón Cabanillas, ou No niño novo do vento, con texto orixinal de Cunqueiro e música de Luis Eirillo Batallán.

O concerto que ofrecerá o Grupo Didáctico de Pito Pastoril da Escola Municipal de Música de Lugo (ESMU Lugo) encádrase no marco do ciclo ‘Na Calzada’, incluído na programación de música de cámara artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2019.