O Grupo de Ecoeficiencia da USC recibe a visita dos investigadores Sanjay Kumar e Amândio Teixeira-Pinto

O Grupo de Ecoeficiencia da USC, que traballa no campo dos materias formados a partir de refugallos industriais, recibiu esta semana a visita de prestixiosos especialistas na materia, como o investigador indio Sanjay Kumar e a do profesor Amândio Teixeira-Pinto. Membro do corpo científico do National Metallurgical Laboratory da India, Sanjay Kumar é experto en reciclaxe e reutilización de residuos sólidos, síntese de xeopolímeros e activación mecánica de materiais. Mantén unha constante colaboración á súa vez co grupo de Enxeñarías da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), á que pertence o profesor Teixeira-Pinto e a investigadora predoutoral Joana Rapazote, quen tamén asistiu ao encontro. Os materias formados a partir de refugallos industriais, eido de traballo do Grupo de Ecoeficiencia da USC, posúen especial interese pola súa capacidade como substitutivo do cemento ordinario así como material illante ou como constituínte de membranas para procesos de separación en construción. No actual momento de incertezas e reducións orzamentarias en materia de I+D, os investigadores están a traballar no impulso aos avances experimentados nos seus ámbitos de estudo co obxecto de poñer en práctica os progresos alcanzados cunha clara orientación ao mercado. Neste senso, os investigadores subliñan o impacto socioeconómico que estes materiais poden representar sobre todo por ter a punto un método que permite a síntese 100% a partir de residuos.