Ir o contido principal

O grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC organiza o primeiro foro internacional de intercambio de experiencias sobre tratamento de augas residuais

A conferencia internacional en ‘Ecotechnologies for Wastewater Treatment 2012’ comeza este luns en Santiago

A Conferencia internacional en ‘Ecotechnologies for Wastewater Treatment 2012’ celebrarase por vez primeira na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC como un foro único de intercambio de experiencias na temática do tratamento de augas residuais dende unha visión holística. Participarán máis de 200 expertos procedentes de universidades, centros de investigación e empresas de 20 países de Europa, Norteamérica, Latinoamérica, África e Asia. A inauguración celebrarase este luns 25 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a partir das 18.00 horas nunha sesión que contará coa intervención do director do evento, o profesor Juan Lema. Logo, Mark van Loosdrecht, do Departamento de Biotecnoloxía da Universidade Delft de Tecnoloxía (Holanda), impartirá a primeira conferencia plenarias obre ‘Wastewater based biorefineries’. As sesións científicas celebraranse no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría entre os días 26 e 27. Este evento, auspiciado pola International Water Association (IWA) e organizado polo grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC, foi concibido tamén como a conferencia de clausura do proxecto singular NOVEDAR-Consolider para o ‘Deseño da Planta de Tratamento de Augas do século XXI’ que coordinou a USC. O proxecto contou co patrocinio de Abengoa Water, Aqualia, Aquology e Augas de Galicia.

A concepción do Congreso considera que no deseño e operación de novas tecnoloxías para o tratamento de augas residuais hai que ter en conta, ademais da eficacia, aspectos de grande importancia como a economía, as emisións gasosas, microcontaminantes ou consumos enerxéticos, temas presentes no conxunto de intervencións deseñadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2012.