Ir o contido principal

O grupo Esculca da USC acada o Premio Nacional á Investigación Educativa 2007 por un proxecto sobre a dimensión socio-educativa da integración

O grupo Esculca da USC acaba de ser galardoado co Premio Nacional á Investigación Educativa 2007, o máis prestixioso de cantos nesta materia se conceden en España, pola investigación ’Familias inmigrantes en Galicia. La dimensión socio-educativa de la integración’ que dirixiu a profesor Mar Lorenzo Moledo. Outorgado polo Ministerio de Educación, Política Social e Deporte por unanimidade do xurado e dotado con 20.000 euros, é a primeira vez que este galardón recae nun grupo de investigación galego.
Entre as súas conclusións, a investigación resalta a enorme importancia estratéxica de asociar a dinámica de integración das familias inmigrantes ao entorno escolar, na medida en que conceden unha grande importancia á escola ao ser un ámbito que lles resulta útil para informarse, adquirir recursos e facerse con estratexias que lles facilitan o proceso de integración.
Para o seu desenvolvemento, o proxecto partiu dunha análise descritiva da situación das familias inmigrantes en Galicia, concretamente da participación das familias nos centros escolares e no entorno social. Este punto de partida permitiu o deseño dun programa socio-educativo dirixido á mellora do proceso de integración socio-cultural. O seu principal obxectivo era mellorar o coñecemento que teñen as familias da cultura e da sociedade do país de acollida, así como do seu sistema educativo, tratando de incrementar o seu nivel de participación nas escolas ás que asisten os seus fillos.
O programa desenvolveuse en cinco centros educativos das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo que permitiu o traballo con familias procedentes de Cabo Verde, Marrocos, Perú, Brasil, Colombia ou Gran Bretaña, entre outros países. A intervención implicaba tamén aos concellos de residencia así como a organización cívicas que desenvolveron un programa paralelo para os fillos.
Segundo os investigadores, os efectos do programa sobre a información, as crenzas ou as normas foi “moi notables”, e menores no relativo ao cambio de actitudes, “toda vez que o tempo transcorrido entre as medicións realizadas non foi suficiente” aclara Mar Lorenzo. A coordinadora do proxecto sinala ademais que o desenvolvemento de proxectos vinculados á integración, con clara incidencia na cohesión social “fai necesario un traballo colaborativo entre escola, familias inmnigrantes e axencias da sociedade civil”.
O equipoConforman Esculca, ademais de Mar Lorenzo, os profesores Miguel A. Santos Rego, Agustín Godás, Felicidad Barreiro, Nuria Abal, Rosario Castro, Mª do Carme Cambeiro, Lucía Maquieira, Mª Josefa Mosteiro e Diana Priegue. Ademais, o grupo contou co asesoramento de Marcial Gondar e Carmen Adela Sabio.
Os centros nos que se desenvolveu a experiencia foron os IES Xulián de Magariños (Negreira), o de Ames e o Monte Castelo de Burela, xunto cos CEIP Lope de Vega de Vigo e A Lomba de Vilagarcía de Arousa. Ademais, e en calidade de centros de control, a experiencia tamén chegou ao IES A Sardiñeira (A Coruña) e aos CEIP Cardenal Quiroga Palacios (Santiago), Vista Alegre (Burela), Dr. Fleming (Vigo) e ao de Ventín (Ames).
No apartado de asociacións colaboradoras, o proxecto contou coa implicación de Cruz Vermella de Santiago, Burela e da Asemblea Comarcal do Salnés, de CITE-COO, ademais da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2008.