O Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC inaugura unha mostra este venres nas Pontes

O GEPN-Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da Universidade de Santiago é o responsable da exposición ‘A memoria da terra. Unha aproximación arqueolóxica ao noso pasado’ que, promovida polo Concello das Pontes e patrocinada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, abrirá ao público este venres, día 14, ás 12:00 horas no Soto da Casa Dopeso (As Pontes, A Coruña).
A mostra, que fai un percorrido arqueolóxico polo pasado do que actualmente é o territorio do Concello das Pontes, estrutúrase en catro bloques temáticos. No primeiro reflexiónase sobre o comezo do interese polo coñecemento do pasado dende o século XIX e especialmente durante o XX, facendo fincapé nas figuras e asociacións que no Concello coruñés se preocuparon por coñecer e divulgar o seu patrimonio arqueolóxico e explícase en que consiste o traballo arqueolóxico hoxe en día.
Xa nun segundo bloque realízase un percorrido polos xacigos catalogados no Concello a partir da súa distribución polo territorio, deténdose nos localizados nos últimos anos durante as labores de avaliación de impacto arqueolóxico, e continuando cos primeiros achados realizados nas Pontes durante o XIX por Santiago de la Iglesia e Federico Maciñeira. A continuación comézase un percorrido dende o Paleolítico ata a época romana polos xacigos e obxectos máis representativos da Prehistoria das Pontes.
Durante o vindeiro mes organizaranse diversos talleres didácticos baixo o lema ‘Xogando e experimentando a Prehistoria’, nos que a partir da experimentación e da réplica de determinadas actividades desenvolvidas durante esa época se pretende achegar aos nenos e nenas ao patrimonio arqueolóxico da zona.