Ir o contido principal

O grupo de Física de Altas Enerxías da USC participa activamente nos experimentos dun dos detectores do Gran Colisionador de Hadróns do CERN

Este detector acaba de rexistrar a enerxía de colisión protón-protón máis alta no mundo

O grupo de Física de Altas Enerxías da USC participa no CERN na operación do detector LHCb, un dos catro instalados no túnel do Gran Colisionador de Hadróns (LHC), e que xa ten rexistrado satisfactoriamente os primeiros sinais de colisións entre os feixes de protóns. Ademais, o detector rexistrou o pasado mes a enerxía de colisión protón-protón máis alta no mundo ata a actualidade, de 2,36 TeV.
Unha das partes máis delicadas do experimento LHCb é o Inner Tracker (IT), constituínte á súa vez do Silicon Tracker, sendo o resultado de máis de dez anos de traballo do grupo de Física de Altas Enerxías compostelán que coordina o profesor Bernardo Adeva. Ademais, a coordinación adxunta deste importante subdetector de Silicio é responsabilidade dentro do experimento LHCb do investigador compostelán Abraham Gallas.
O grupo da USC levou a cabo a construción e instalación no acelerador do CERN do dispositivo IT, en cooperación a partes iguais con outro grupo do Instituto Politécnico Federal de Lausanne. No seu desenvolvemento, a institución académica ten investido aproximadamente 3,5 millóns de euros financiados polo Programa Nacional de Física de Partículas e pola Xunta de Galicia, contando coa participación de máis de vinte científicos e técnicos da USC.
O obxectivo inmediato do grupo será a partir deste momento analizar os datos das colisións rexistradas no acelerador. Para elo dispón dun sistema de computación propio dentro do Campus, integrado no sistema GRID de LHCb e coordinado polo profesor Juan José Saborido. O traballo de análise de datos será impulsado polo profesor José Ángel Hernando e requirirá a participación dun equipo de físicos novos formados en Física Nuclear e de Partículas.
Os estudos vinculados ao experimento LHCb poden axudar a comprender a orixe do universo primitivo, “onde se deron unhas condicións similares ás que agora comezamos a reproducir nas instalacións do CERN”, apunta Bernardo Adeva. Tras as dificultades técnicas atopadas o pasado ano na posta na súa posta en marcha, o Gran Colisionador de Hadróns reiniciou a súa andaina o pasado verán, completando con éxito dende ese momento as etapas previstas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2010.