Ir o contido principal

O grupo GEPN desenvolve unha plataforma que moderniza o sistema de recollida, tratamento e presentación de información arqueolóxica

Josefa Rey é a coordinadora da plataforma presentada este luns
Josefa Rey é a coordinadora da plataforma presentada este luns

O grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC desenvolveu unha infraestrutura de datos espaciais (IDE) que modernizará e unificará a metodoloxía de recollida e consulta de información arqueolóxica. Trátase da plataforma IDEPatri e pretende unificar os criterios que rexen unha base de datos para conectar coas preocupacións de todos as especialidades implicadas na cadea que se estende dende o punto de escavación ata as salas de exposición dun museo. O obxectivo, explica a profesora e coordinadora do proxecto Josefa Rey Castiñeira, é que toda a información que xeran os xacementos teña un corpo único e consultable, “que as investigacións deixen de estar illadas, para así acurtar os tempos e custes de traballo”. Matiza ademais que “en arqueoloxía dependemos os uns dos outros: de quen escava, de quen trata o material ou de quen o entrega ao museo” se ben a dificultade deriva de que “cada un de nós utiliza un enfoque diferente, empezando polos etiquetados e as bases de datos”. No desenvolvemento do proxecto tamén están implicados o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA). “A idea é que exista unha ferramenta de traballo na que todo o mundo poida consultar que hai sobre o tema que quere investigar e, ao mesmo tempo, incrementalo”, sinala a profesora Rey Castiñeira. A solución foi un “sistema codificado simplificado que podamos compartir”, sinala en alusión á plataforma agora presentada, que permitirá realizar unha investigación histórica global, tanto dos modos de vida a escala local como de tendencias sociais maiores. “IDEPatri ten unha característica moi importante: usa unha IDE onde o espazo é un elemento básico a todas as escalas, dende a máis grande á máis pequena, incluído o detalle e ofrecendo a posibilidade de converter o tempo en espazo”, explica Josefa Rey. A partir do rexistro arqueolóxico da Idade de Ferro en Galicia e da época castexa, esta IDE “ propón unha metodoloxía unificada que pode servir para calquera intervención pertencente a calquera época”, engade o técnico superior de Sistemas de Información Xeográfica do Cesga Emilio Abad quen considera que IDEPatri non é “tanto unha ferramenta como un sistema que está vivo”. Acceso aberto O concepto de xestión de grandes volumes de datos (‘big data’) que incorpora IDEPatri para facilitar o traballo dos investigadores, combínase co de acceso aberto “para que pedagogos e divulgadores poidan explorar o seu potencial mediante ferramentas de visualización”, explican os promotores da idea. Acceder a esta información “implicará a oportunidade de poder ofrecer produtos de valor a sectores de actividade como o turismo” e sinalan a modo de exemplo o desenvolvemento de aplicacións móbiles que permiten a turistas a posibilidade de explorar o entorno no que se atopan e localizar puntos arqueolóxicos interesantes para visitar. Castelos da Rocha Forte A plataforma xa tivo unha primeira aplicación completa nun traballo real, o estudo do Castelo da Rocha Forte, situado en Conxo. As escavacións realizounas a empresa A Citania. “A lóxica que prima detrás dunha escavación non é so recuperar a información arqueolóxica, senón facela accesible e comprensible, polo que definimos a estrutura de estudo de materiais na IDE agrupando cada obxecto en función do seu material, o seu uso probable e a súa forma identificable”, explica Israel Picón, socio de A Citania e presidente da Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA). IDEPetri permitiu na intervención da Rocha Forte “que os arqueólogos puidéramos facer o traballo teórico nun tempo récord: entregamos catro informes mensuais valorativos, así como a memoria final só un mes despois de rematar a intervención na fortaleza. As características desta nova plataforma presentáronse este luns 30 nun acto público no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) coa presenza do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; a investigadora principal do proxecto, Josefa Rey; o técnico de Sistemas de Información Xeográfica (GIS) do Cesga, Emilio Abad; e o presidente de AEGA, Israel Picón Lamas. A presentación desenvolveuse na Facultade de Xeogragía e Historia presidida polo vicerreitor Roberto López. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2014.