O grupo Gis-T abre o prazo do curso de perfeccionamento en Marketing Territorial e Telecomunicacións
O grupo de investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (Gis-T Idega) acaba de abrir a preinscrición do curso de perfeccionamento en Marketing Territorial e Telecomunicacións, unha oferta formativa que presenta a mercadotecnia territorial como unha ferramenta estratéxica para a definición da imaxe de marca en lugares, en función do seu modelo de desenvolvemento e das súas necesidades vitais. Esta plicación permite deseñar a oferta daqueles produtos estratéxicos que poden ser básicos para as economías locais e ofertalos no mercado de forma competitiva e atractiva. A preinscrición poderá formalizarse ata o día 1 de marzo, abríndose a continuación o período de matrícula que se estenderá ata o día 19 dese mesmo mes. O curso capacitará ao alumnado na análise e discusión de casos de planeamento estratéxico e mercadotecnica territorial dende unha perspectiva internacional, na aplicación destas metodoloxías en municipios en concreto á vez que posibilitará o estudo do impacto das telecomunicacións no desenvolvemento económico rexional. Esta variante do marketing bota mans das novas tecnoloxías da información e a comunicación, a telemática e as metodoloxías das ciencias xeográficas, económicas e da administración e dirección de empresas, co obxecto de constituír proxectos de desenvolvemento en beneficio da sociedade. Este concepción permite un achegamento ao territorio como un produto informacional que á súa vez pode ser demandado por visitantes e posibilita novas funcións empresariais e nichos de actividade. O desenvolvemento do programa busca proporcionar a comprensión crítica da Sociedade da Información e as transformacións que comporta, ao tempo que ofrecer unha formación sólida relativa aos aspectos metodolóxicos e técnicos do márketing territorial e comprender as relacións entre telecomunicacións e desenvolvemento económico social. Este é un curso ofertado co apoio da Fundación Fullbright e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico de España coa Estados Unidos. Diríxese a alumnado de grao, diplomatura, licenciatura e enxeñaría, especialmente nas áreas de ciencias sociais, económicas e humanidades. Tamén está dirixido a profesionais autónomos, desempregados, profesionais en xeral e técnicos da administración pública. Máis información en http://www.gist.es/public/index.php?pid=novas&nova=103&pag=1&otras_pag=1.