Ir o contido principal

O grupo ANTE impulsa un seminario sobre xeopolítica e participación cidadá

O foro desenvólvese no Concello de Moaña, onde tamén foi presentado
O foro desenvólvese no Concello de Moaña, onde tamén foi presentado
Desenvolverase no Salón de Plenos do Concello de Moaña o vindeiro 8 de xullo, a partir das 9.00 horas
Santiago de Compostela

A primeira edición do ‘Seminario de Xeopolítica e Participación Cidadá’ desenvolverase o vindeiro 8 de xullo no Salón de Plenos do Concello de Moaña, a partir das 9.00 horas, baixo a organización do grupo ANTE da USC e do propio Concello de Moaña. Neste foro participarán, entre outros, o catedrático da USC e vicepresidente Unión Xeográfica Internacional, Rubén Lois; Heriberto Cairo, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid; ou Xosé Mahou do grupo de investigación Observatorio de Gobernanza G3 da UVigo.

Os participantes teñen unha longa e destacada experiencia tanto na investigación da política internacional como na participación da cidadanía “o que permitirá desenvolver o primeiro evento sobre relacións internacionais e participación cidadá que se presenta en Galicia”, apuntan dende a organización. O evento será gratuíto e especialmente dirixido á cidadanía con sesións participativas orientadas ao sector educativo e calquera colectivo social interesado. Ao longo do día trataranse algúns dos principais conflitos e dinámicas internacionais da man dos principais especialistas na materia co fin de fomentar unha visión crítica e obxectiva das dinámicas e conflitos internacionais.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2023.