Ir o contido principal

O grupo de investigación Benestar abordará o estudo da calidade de vida en relación coas enfermidades crónicas

María Teresa Carrillo de la Peña é a coordinadora do grupo Benestar. FOTO: Santi Alvite
María Teresa Carrillo de la Peña é a coordinadora do grupo Benestar. FOTO: Santi Alvite
De carácter multidisciplinar, intégrao persoal investigador das facultades de Psicoloxía, Ciencias Económicas e Medicina e está aberto a novas incorporacións

Persoal investigador das facultades de Psicoloxía, Ciencias Económicas e Medicina da USC constituíu o grupo de investigación ‘Benestar. Calidade de vida e enfermidades crónicas: estratexias de análise e intervención desde unha perspectiva interdisciplinar’. Os seus membros achegan experiencia nos eidos da avaliación e intervención en problemas de dor, o manexo de enfermidades crónicas e os estudos de economía da saúde.

Trátase dun grupo multidisciplinar e aberto, ao que poden incorporarse investigadoras e investigadores individuais ou pertencentes a outros grupos da USC que teñan interese nesta liña sobre a calidade de vida. Algúns dos seus obxectivos a curto e medio prazo son implementar cursos de educación en saúde, introducir ferramentas dixitais para fomentar o autocoidado, mellorar as estratexias de intervención en pacientes crónicos ou realizar análises de coste-efectividade das intervencións, co obxectivo último de mellorar a calidade de vida das persoas.

As liñas de investigación que se detallan na web do grupo abranguen aspectos coma a calidade de vida en pacientes oncolóxicos, condicionantes socioeconómicos da saúde, economía da saúde: análise de custo-efectividade das intervencións para mellorar a calidade de vida, educación en saúde, estratexias innovadoras para o tratamento da dor crónica desde a neurociencia, implementación de ferramentas dixitais para promocionar o autocoidado, mellora da avaliación e estratexias de intervención en pacientes con dor crónica, optimización das vías clínicas para o tratamento de pacientes crónicos e soidade e enfermidades crónicas.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2024.