Ir o contido principal

O grupo de investigación Isopolis desenvolve as segundas xornadas sobre goberno dixital e inclusión social

Esta edición céntrase na igualdade a través de políticas intelixentes
Esta edición céntrase na igualdade a través de políticas intelixentes
Nesta edición céntrase o estudo na igualdade a través de políticas intelixentes

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais acolle estes días as II Xornadas de Goberno Dixital e Inclusión Social, organizadas polo grupo de Investigación da USC ISOPOLIS (Investigación social e políticas públicas) adscrito ao Departamento de Ciencia Política e Socioloxía.

O encontro, dirixido polos profesores Ramón Bouzas Lorenzo, Andrés Cernadas Ramos, Bran Barral Buceta e Ángela Fernández da Silva, reúne profesionais das Universidades de Murcia, País Vasco, Autónoma de Madrid, Alacante, Cardiff e Vigo así como distintos sectores profesionais do Servizo Galego de Saúde. O conxunto de intervencións permite unha ampla visión sobre o impacto das novas Tecnoloxías da Innovación e Comunicación (TIC) dentro da sociedade, con detemento nos campos de estudo relacionados co sector público e a súa contorna.

As xornadas comezaron  coa intervención do profesor da Universidade de Murcia Manuel Hernández Pedreño, que falou sobre a fenda dixital e os grupos sociais con maior afección. Os retos e ameazas que as e-administracións afrontan no curto prazo no deseño e promoción de plans de inclusión cidadá foi a charla da doutora en Sociedade, Política e Cultura do país Vasco Adela Mesa.

Dende a Universidade Autónoma de Madrid, a investigadora Ariana Guevara Gómez interveu cun relatorio sobre as implicacións para as administracións dos algoritmos e a IA desde unha perspectiva de xénero, tomando como base os resultados da súa tese doutoral. Pola súa banda, a socióloga Roser Beneito Montagut, da Cardiff University, tratou a cuestión das desigualdades emerxentes dixitais e o envellecemento.

No transcurso destas xornadas tivo lugar un debate sobre os retos da inclusión social dixital moderada por Ángela Fernández da Silva (UVigo) e na que Francisco Haz Gómez (USC), Olga García Luque (Universidade de Murcia) e Francisco Formigo Couceiro (Servizo Galego de Saúde) trataron as diversas perspectivas de inclusión que as TIC supoñen en distintos segmentos da poboación.

Xornada do mércores 19
A xornada deste mércores comezará coa doutora en Benestar Social e Desigualdades, Natalia Papi Gálvez, da Universidade de Alicante, que exporá distintas recomendacións para loitar contra a fenda dixital xeracional centrándose no caso da Comunidade Valenciana.

Os aspectos éticos das novas tecnoloxías e a saúde retomaranse con Begoña Sanz Echevarría, da Universidade do País Vasco, incidindo nos problemas da privacidade e protección de datos pero tamén da equidade dos servizos sanitarios.
Posteriormente, ao longo da mañá presentaranse os proxecto “eSACTIV”: dixitalización e atención ao envellecemento” (Ramón Bouzas Lorenzo e Andrés Cernadas Ramos, da Universidade de Santiago de Compostela) e “NEUDIS: Rede universitaria europea para unha sociedade dixital” (Bran Barral Buceta e Francisco Haz Gómez, Universidade de Santiago de Compostela).

A xornada finalizará co debate ‘A cidadanía ante os desafíos emerxentes das tecnoloxías dixitais’, moderado por Xosé Mahou Lago, da Universidade de Vigo, e coa presenza dos relatores Eva Cernadas García (USC) e Jorge Prado Casal, do SERGAS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.