Ir o contido principal

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC edita a colección do escritor galego que comeza a publicar este domingo La Voz de Galicia

Portada dun dos volumes que integran a colección
Portada dun dos volumes que integran a colección
Esta iniciativa editorial inclúe 14 obras do autor vilanovés que verán a luz nas vindeiras semanas

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) coordina a colección de 14 obras sobre Ramón del Valle-Inclán que La Voz de Galicia distribuirá a partir do vindeiro domingo 26. Trátase dunha iniciativa que inclúe a edición de textos de narrativa, teatro e poesía coordinada polo equipo que dirixe a profesora Margarita Santos, e que tamén integran Javier Serrano, Rosario Mascato, Adriana Abalo, Sandra Domínguez e Xaquín Núñez.

Este equipo, que leva máis de 20 anos traballando sobre o xenial autor vilanovés, é o responsable da edición de todos os textos. O obxectivo do seu traballo, que levan desenvolvendo desde xaneiro deste ano, é “conseguir un texto filoloxicamente rigoroso, respectando os usos particulares do autor, é dicir, sendo fieis á súa propia escritura”, explica a directora da Cátedra Valle-Inclán da USC, Margarita Santos Zas. “Hai moitas edicións das obras de Valle anteriores a 1936, e nós usamos as últimas que el revisou, só traballamos sobre edicións orixinais, sendo moi respectuosos, pero emendando os erros e erratas propias de cada proceso de edición”. Iso si, indica, “mantemos todos os recursos expresivos do autor, aínda que contraveñan normas académicas”.

A selección das obras -entre as que podemos atopar clásicos xa universais como Sonatas, Luces de bohemia, Divinas palabras ou Tirano banderas- é, segundo Santos Zas, moi representativa, abranguendo textos teatrais, narrativos e poéticos dende o Modernismo ata a obra esperpéntica, permitindo “ver moi ben a evolución literaria do autor”.

Trátase moi probablemente do traballo de divulgación máis ambicioso da obra de Valle-Inclán que se ten dado no ámbito galego: “Para nós é un labor moi reconfortante, porque saímos do ámbito académico para chegar a un público máis amplo”, sinala a profesora da USC. O grupo de investigación contou coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC na Xestión da transferencia dos resultados de investigación xerados polo GIVIUS.

Grupo de Investigación Valle-Inclán
O GIVIUS leva traballando 20 anos arredor da obra dun dos máis salientables autores galegos da historia e é responsable tamén doutras edicións críticas, ademais de exposicións, congresos e outras actividades. A Cátedra Valle-Inclán foi creada posteriormente, en 2002, o que supuxo a posta en marcha da Biblioteca da Cátedra ademais dun Seminario Permanente impartido por especialistas na obra do escritor. Tamén está detrás do Archivo Digital Valle-Inclán, con máis de 3.750 documentos e 70.000 imaxes, e da Biblioteca Digital Valle-Inclán dentro do Portal da Cátedra na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.05.2019.