O Grupo de Linguas da USC analiza nun simposio a relación entre a educación e a diversidade cultural e lingüística
A presenza nas escolas da diversidade cultural e lingüística é un dos temas de actualidade presentes nos debates arredor das funcións da educación e os modelos culturais e lingüísticos imperantes. Co obxecto de contribuír a un mellor entendemento dos procesos implicados neste debate o Grupo de Linguas da USC organiza o I Simposio Galego ‘Linguas, culturas e escola’.
O programa do encontro celebrarase o vindeiro 28 de febreiro no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía coa participación de especialistas das universidades de Barcelona, Vigo, Minho, Lisboa e Santiago. As sesións comezarán coa intervención da profesora de Lingüística Xeral e Románica na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, Dulce Pereira, que dará conta da diversidade lingüística e cultural na escola portuguesa.
Pola súa banda, o profesor de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo Anxo Lorenzo someterá a debate a posibilidade de desenvolver en Galicia unha educación plurilingüe. A sesión matinal pecharase cunha xornada de contacontos. O simposio rematará pola tarde coa presentación de comunicacións e de experiencias educativas neste eido.