O grupo lugués Grex presenta o seu novo traballo Itoppa en Lugo
Músicos, actores e conselleiros artísticos conforman o grupo lugués Grex que este xoves 27 presenta o seu novo traballo Itoppa na Escola Universitaria de Formación de Profesorado do Campus de Lugo, dentro do ciclo Lubicán do convenio Lugo Cultural.
A banda mestura teatro e música, ficción e realidade na súa posta en escea. Neste último traballo o grupo, como parte integrante do espectáculo, introduce ao espectador no mundo da investigación das terapias de grupo.
Seguindo a liña de traballos anteriores, Grex segue a traballar na fusión da súa música con outras artes como a fotografía. Agora, o grupo está inmerso “na invención da musicoterapia imposible para trastornos mentais”, incluíndo a teatralización da música para darlle un sentido á interpretación das cancións.