Ir o contido principal

O grupo de música etnográfica galega Radio Cos presenta este xoves o seu primeiro traballo na Casa do Saber de Lugo

Carátula do disco de presentación 'Radio Cos'
Carátula do disco de presentación 'Radio Cos'
O concerto da formación coruñesa liderada por Xurxo Fernandes e Quique Peón comezará ás 20.30 horas e encádrase no ciclo Lubicán 2014. A entrada é gratuíta

A formación herculina Radio Cos, xurdida no ano 2005 a iniciativa de Xurxo Fernandes e Quiqe Peón, dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia, presentará este xoves 15 de maio na Casa do Saber de Lugo o seu primeiro traballo, qeu leva por título ‘Radio Cos’.

O concerto de presentación de Radio Cos, un quinteto actualmente integrado por Quique Peón (percusión e voz), Xurxo Fernandes (percusión e voz), Nikolay Velikov (violino), Xan Pampín (acordeón) e Pedro Lamas (gaita, saxo tenor e dulzaina), encádrase no ciclo Lubicán 2014, un programa musical financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e orientado á promoción de novos artistas e formacións galegas. O auditorio da Casa do Saber de Lugo acubillará este xoves 15, a partir das 20.30 horas, a presentación do primeiro traballo de Radio Cos, un repertorio de fonda pegada etnográfica no que as melodías empregadas foron directamente recollidas da tradición oral mediante gravacións de campo feitas por toda a xeografía galega. Radio Cos rescata asemade neste primeiro traballo músicas totalmente esquecidas e tamén pon en valor outras cancións populares que, precisamente por estar tan estendidas, carecen de valor recoñecido.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2014.