Un grupo de noventa alumnos chineses cursará este ano os seus estudos na USC
O luns 3 de setembro ás 11.00 horas terá lugar na Aula Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a benvida oficial aos noventa estudantes de República Popular Chinesa que este ano van cursar estudos na USC. No acto estarán presentes o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Victor Millet; e María José López Couso, decana da Facultade de Filoloxía, destino da maioría dos integrantes deste grupo de estudantes chineses, que acoden atraídos pola calidade dos estudos de Filoloxía hispánica. Estudantes brasileiros en Lugo Así mesmo, o venres 7 de setembro ás 10.00 horas celebrarase no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo a benvida aos oitenta alumnos de Brasil que este ano van cursar estudos na USC no marco do programa Ciencias sen Fronteiras. Neste acto de benvida participan Víctor Millet; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus Lugo, Pedro García Herradón; o director da EPS, Javier Bueno Lema; e o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos. Estes dous centros serán os que acollan nas súas aulas o grupo de participantes neste programa. Nestas dúas presentacións, a continuación do acto de benvida, o persoal do Servizo de Relacións Exteriores de Lugo levará a cabo cos estudantes unha sesión técnica de información na que se lles explicarán os principais mecanismos de integración académica na USC.