O grupo Novos Medios desenvolve un titor virtual para asesorar en materia laboral á mocidade española residente no estranxeiro
O grupo de investigación Novos Medios, da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, e o IFFE Business School están a desenvolver o titor virtual multimedia de xestión intelixente da comunicación, WorkerTutor. Esta ferramenta innovadora nace co obxectivo de favorecer a promoción e a inserción laboral dos emigrantes españois residentes en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza.
Cun equipo integrado por oito profesionais e grazas ao financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España, WorkerTutor ofrece aos seus usuarios todo tipo de asesoramento en materia laboral. Así, as prestacións que ofrece son amplas e abranguen dende como comportarse, de modo axeitado, nunha entrevista de traballo no estranxeiro, ata como redactar unha correcta carta de motivación ou mesmo un currículo de éxito. Ademais, a través de http://workertutor.com pode accederse a todo tipo de información relativa ao marco xurídico e legal de cada un dos países que conforman o proxecto. As persoas interesadas en acceder aos servizos que oferta WorkerTutor deben rexistrarse previamente como usuarios na páxina web, cubrir un breve formulario e engadir o seu currículo. Un especialista en Recursos Humanos porase en contacto, na máxima brevidade posible, co usuario/a interesado/a para solucionar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento profesional. A gran novidade deste sistema, nun panorama, como o actual, no que proliferan os portais de emprego, reside na gran relevancia que se lle outorga ao asesoramento. Daquela, cómpre salientar que WorkerTutor non é un simple buscador de ofertas, senón que tamén, e por riba de todo, centra os seus esforzos en garantir que os emigrantes españois sigan os pasos axeitados para obter un bo emprego e sexan capaces de expoñer todo o seu potencial durante ese arduo proceso. O titor multimedia WokerTutor tamén conta cun blog no que se actualiza a realidade do mercado laboral en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza, ademais de completar a súa tarefa de asesoramento a través dos seus perfís en Facebook, Twitter, Linkedin e Google Plus.