O grupo de Patoloxía na Acuicultura da USC participa na Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria

A Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria (RISEGAL), na que participa a USC, constituíuse este mércores nunha sesión desenvolvida no Instituto vigués de Investigacións Mariñas (IMM) do CSIC. Nela participan especialistas nos principais axentes que poden comprometer a seguridade química e biolóxica dos alimentos comercializados en Galicia.
Coordinada desde o grupo de Microbioloxía e Tecnoloxía de Produtos Mariños do IMM, a rede está formada ademais polo grupo da USC Patoloxía na Acuicultura que dirixe o profesor Jesús Romalde, o de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do IIM, o de Xenética de Organismos Mariños da UDC e os da Universidade de Vigo Investigacións Agroambientais e Alimentarias, Tecnoloxía dos Alimentos e Análise Química e Toxicolóxica de contaminantes naturais e antropoxénicos presentes en medio ambiente e alimentos. Conta ademais coa colaboración do Clúster Alimentario de Galicia e da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.
RISEGAL dedicarase a identificar e explorar riscos químicos e microbiolóxicos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia tendo en conta factores ambientais e socioeconómicos impulsores como o cambio climático, os novos hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a crise económica ou a globalización. O seu fin último é emitir unha serie de recomendacións e accións para previr a aparición deses riscos.
Con data límite para os traballos a finais de 2019, RISEGAL está financiada pola Axencia Galega de Innovación no marco do programa de Axudas de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación Competitivas 2017.
O grupo de Patoloxía na Acuicultura
Os traballos do grupo de investigación de Patoloxía na Acuicultura (GIPA) da USC abranguen diversos campos da bacterioloxía e da viroloxía de animais acuáticos, dende a caracterización de bacterias e virus en peixes e moluscos cultivados e salvaxes a estudos moleculares de xenómica e proteómica, pasando por aplicacións biotecnolóxicas no campo da saúde animal e humana.
Unha das liñas de investigación que o grupo desenvolve dende hai mais de vinte anos e que será de grande utilidade para o traballo en RISEGAL céntrase no estudo da prevalencia e bioacumulación de virus entéricos humanos nos moluscos bivalvos, así como no papel destes organismos mariños na transmisión e aparición de brotes de enfermidades producidas por estes virus na poboación.