O grupo RODA cede unha mostra enviada á Estación Espacial Internacional a ‘El Parque de la Vida’
O profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, Juan Sabín Fernández, cedeu este mércores 26 ao centro de divulgación científica asturiano El Parque de la Vida, unha mostra coloidal empregada na Estación Espacial Internacional para o estudo do punto triplo da materia. A cesión que tivo lugar na Facultade de Física en Compostela, onde o profesor Sabín realizou a súa tese de doutoramento, é froito do convenio de colaboración que o centro de Luarca asinou co grupo de investigación RODA para que a peza sexa exposta neste centro divulgativo.
O profesor Sabín participou nun experimento da Axencia Espacial Canadense que se desenvolveu no marco do programa da NASA ‘BCAT = Binary Colloidal Alloy Test’. Mediante imaxes directas en microgravidade na Estación Espacial Internacional, observouse no vial enviado unha estrutura única, un "xel de cristal", que se produce cando a separación de fases gas-líquido se detén debido aos cristais dentro do dominio líquido. A estación canadense enviou tres viais no marco deste experimento, un dos cales, logo do seu regreso á Terra, foi entregado ao profesor Sabín. Os resultados da investigación publicáronse en Physical Review Letters.
En concreto, a mostra cedida é un vial duns cinco centímetros que necesita unha iluminación traseira a un ángulo de 45º cunha lanterna normal. Ademais, no marco do experimento, realizáronse diversos vídeos comparando o proceso de separación de fases (gas, líquido e cristalina) ao longo de 36 horas en gravidade e microgravidade.