Ir o contido principal

O grupo Ruralia da USC organiza unha mesa redonda sobre o proxecto de Altri á luz da experiencia do modelo forestal portugués

O evento está organizado polo Grupo de Innovación Docente Ruralia da USC
O evento está organizado polo Grupo de Innovación Docente Ruralia da USC
Desenvolverase na tarde do venres 3 da man dos expertos portugueses Paulo Pimenta e João Carvalho

O Grupo de Innovación Docente Ruralia da USC organiza para o venres 3 de maio a mesa redonda ‘O proxecto de Altri á luz da experiencia do modelo forestal portugués’, na que especialistas de Portugal reflexionarán sobre a incidencia que podería ter en Galicia a macro-planta de celulosa desta empresa lusa en caso de chegar finalmente a instalarse. O evento desenvolverase a partir das 19.00 horas na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

A primeira das intervencións, que leva por título ‘O modelo de negocio asociado ao eucalipto en Portugal: impactos’, correrá a cargo de Paulo Pimenta de Castro, presidente da dirección da Asociación para a Promoción do Investimento Forestal, e a segunda corresponderalle a João Carvalho, do Departamento de Ciencias Florestais da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), que falará das alternativas para unha efectiva sustentabilidade.

Paulo Pimenta de Castro é licenciado en Silvicultura polo Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa. Coautor do libro Portugal em Chamas-Como Resgatar as Florestas (Bertrand Editora, 2018), foi profesor, coordinador de cursos e autor de programas de Formación Profesional no ámbito forestal. Foi técnico superior da Confederación de Agricultores de Portugal, secretario xeral da Federación de Produtores Forestais de Portugal - Consello Nacional Forestal (FPFP/CNF) e da Asociación Nacional de Empresas Forestais, Agrícolas e Ambientais (ANEFA). Foi tamén membro do Consello Asesor Forestal do Ministerio de Agricultura e experto no Consello Consultivo Forestal e Cortiza da Comisión Europea. Na actualidade é consultor e preside a xunta directiva nacional de Iris, Asociación Nacional de Medio Ambiente.

Pola súa parte, João Carvalho é profesor de Silvicultura e Dendroloxía da UTAD e membro da dirección da Organização Europeia de Silvicultura - Pro Silva – Integrated Forest Management. Realizou o doutoramento na área da Silvicultura e un posdoutoramento na mesma área en Estados Unidos. Membro do Centro de Investigação e de Tecnologias Agro-Ambientais e Biológicas (CITAB), Carvalho ten traballado en varios programas e participado en proxectos de I+D relacionados coa silvicultura, as follosas e o carballo, en materias como a ecoloxía, produción, silvicultura, funcións e aproveitamentos. Integrou o grupo interinstitucional para a Estratexia Nacional de Adaptación ás Alteracións Climáticas para as Florestas. Integrou unha comisión de especialistas científicos da Comisión Europea/EU-EFI relacionada coa Estratexia para a Biodiversidade e a Estratexia para as Florestas EU2030.

Cartaz do evento
Cartaz do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.