O grupo Síncrisis da USC comeza unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán
Froito da colaboración entre o proxecto ‘Castelos no aire’ de investigación arqueolóxica sobre as fortificacións altomedievais galegas e a comunidade de montes veciñais da Picoña, esta semana comezou unha campaña de escavación arqueolóxica no Alto de San Cibrán, situado na extrema entre as parroquias de Guláns (Ponteareas) e A Picoña (Salceda de Caselas).
Os traballos diríxeos o investigador e arqueólogo do grupo de investigación Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela Mario Pereiro, que explica que o Alto de San Cibrán -lugar de referencia para as dúas parroquias, que celebran alí unha romaría dúas veces ao ano- agocha un recinto fortificado “moi interesante, cunha extensión próxima ás 5 hectáreas e cunhas evidencias construtivas aínda recoñecibles”.
A campaña arqueolóxica, que contempla intervencións en dous posíbeis edificios situados na zona sur do recinto, durará dúas semanas e ten como obxectivo coñecer a cronoloxía de ocupación da fortaleza, “o que nos permitirá desenvolver hipóteses de para que foi construída”, comenta Mario Pereiro.
A intervención realízaa a empresa Tempos Arqueólogos e está co financiada pola Universidade de Santiago de Compostela e a comunidade de montes da Picoña. Ao igual que outras intervencións organizadas por ‘Castelos no aire’, estará “aberta por escavación”, facendo posible a calquera persoa achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.