Ir o contido principal

O grupo de teatro da Bal y Gay presenta este mércores en Lugo a segunda parte de 'Crebacabezas'

O grupo de teatro da Residencia Universitaria Bal y Gay ‘Tik Teatro’ estreará este mércores 3 polas rúas de Lugo a performance da segunda parte de ‘Crebacabezas’ que representou durante o Festival Internacional de Teatro Universitario.
O espectáculo comezará coa repetición da primeira parte “aínda que con algunhas modificacións”, explicou a directora do grupo, Laura García Recio, para realizar logo o segundo número, que está inspirado nos textos de Eduardo Galeano, con adaptacións da propia Laura García. “É algo moi visual no que se mesturará a interpretación, a danza e a música en directo”. García contou que tamén o novo nome do grupo, ‘Tik Teatro’, está sacado dos relatos de Galeano.
O grupo de teatro realizará dous pases das dúas performances, cada un cunha duración de media hora. O primeiro comezará ás 20:30 horas na Praza Maior e outro a continuación, nunha rúa céntrica da cidade.
No espectáculo participarán 12 actores, dous deles estudantes de Erasmus, un turco e un londinense, ademais doutros integrantes de diferentes comunidades autónomas, o que converte ao grupo “nunha experiencia multicultural moi enriquecedora”, segundo explicou a súa directora.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2009.