Ir o contido principal

O grupo de teatro universitario Tik Teatro presentará o día 14 nas rúas da capital luguesa o proxecto ‘Berro’

Integrantes de Tik Teatro, nun ensaio na residencia Bal y Gay
Integrantes de Tik Teatro, nun ensaio na residencia Bal y Gay
A formación, dirixida por Laura G. Recio e integrada por alumnos do campus, fará o sábado un ensaio aberto na residencia Bal y Gay

O grupo universitario de teatro afeccionado Tik Teatro levará o vindeiro domingo, día 14 de abril, ás céntricas rúas da capital luguesa o seu último proxecto: ‘Berro’, unha montaxe que trata da necesidade que teñen as persoas de facer escoitar a súa voz por todas partes, pola indignidade que produce a realidade actual.

O novo traballo artístico de Tik Teatro pretende implicar e dar cabida neste proxecto a toda a cidadanía que se sinta afectada polo que chaman crise e queira sumar a súa voz a este berro colectivo. Daquela, para integrar no espectáculo a todos cantos queiran actuar como extras, Tik Teatro fará o sábado 13 de abril, a partir das 20.30 horas, no salón de actos da residencia universitaria Bal y Gay, un ensaio experimental aberto a todo o público. Os compoñentes do grupo e aquelas persoas que queiran participar como extras no 'Berro', representarán esta montaxe o domingo 14, a partir das 19.00 horas, na Rúa Bispo Aguirre. A directora de Tik Teatro, a integrante da compañía de teatro USC-Lugo, Laura G. Recio, destaca que este novo proxecto encaixa moi ben coa filosofía do grupo, que “centra a súa actividade no día a día, dándolle importancia a cada clase, a cada exercicio e a cada persoa”. A coordinadora de Tik Teatro, un grupo formado na actualidade por 18 estudantes do campus de Lugo, agarda unha boa acollida do proxecto ‘Berro’ por parte da cidadanía lucense ao tempo que adianta que a pretensión deste grupo de teatro afeccionado pasa por poder facer outra representación na rúa no último treito do presente curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2013.