Ir o contido principal

O grupo Valfinap da USC presentou un estudo sobre xestión do risco e o seguro na empresa galega

Calquera actividade empresarial comporta riscos de distinta natureza, con consecuencias que xeran oportunidades ou ameazas para conseguir os seus obxectivos. Por iso as empresas non tentan eliminalos senón xestionalos axeitadamente. Pero pese a que a xestión de riscos ten cada vez máis importancia na dirección estratéxica unha empresa, en España non existe unha referencia sobre o asunto.

Ante esta carencia documental, a Fundación Inade, Instituto Atlántico do Seguro, propúxose elaborar un estudo no ámbito do tecido produtivo galego, que foi encargado ao grupo de investigación VALFINAP-Valoración Financeira Aplicada adscrito ao Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC. Este estudo, ‘A xestión do risco e o seguro na empresa galega’, presentouse en Santiago nun acto no que participaron o reitor Juan Viaño; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López; o presidente del Padroado de Fundación Inade, Antón Cobián Varela; e o director do equipo autor do informe, o profesor da USC Luis Otero González, que presentou as claves dun traballo que disecciona tanto os pormenores da xestión como da xerencia de riscos, conceptos complementarios que abordan tanto o deseñar, organizar e coordinar o risco como a propia execución da estratexia da empresa.

O grupo da USC está formado ademais polos profesores Pablo Durán Santomil, Rubén Lado Sestayo, Luis Ignacio Rodríguez Gil e Milagros Vivel Búa, a quen despois se sumaron os consorcios da Zona Franca de Vigo a través do servizo de información empresarial ARDAN e o de Compensación de Seguros.

O traballo de investigación comeza cunha guía da xestión do risco así como unha explicación detallada do proceso que debe implantar unha empresa, para continuar coas características do sector empresarial galego e un apartado específico sobre a situación do seguro en Galicia ao peche do exercicio 2014. Segue o volume cos resultados do cuestionario remitido a empresas galegas e unha análise dos factores que inciden directamente no risco que afrontan. Por último, avalíase a creación de valor nas empresas non financeiras galegas tendo en conta a internacionalización da súa actividade, a estrutura da súa propiedade e a súa política de xestión de riscos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2015.