O grupo Valle-Inclán da USC recolle este venres en Vilanova de Arousa o premio de investigación da Deputación de Pontevedra
As investigadoras do Grupo Valle-Inclán da USC recollerán este venres 14, ás 19:30 horas en Vilanova de Arousa, o Premio de Investigación que a Deputación e o Concello pontevedrés convocan en honra do escritor. O grupo universitario, que gañou co traballo Todo Valle-Inclán en Roma, está integrado por Margarita Santos, Sandra Domínguez, Rosario Mascato, Catalina Míguez, Carmen Elena Vílchez, Cristina Villarmea e Franca Martínez, coa colaboración de Ángeles Gómez Abalo.
O libro gañador é o resultado do traballo de case tres anos que se plasmou en novecentas páxinas cun volume anexo de máis de setenta facsímiles de textos do escritor atopados na Embaixada de Roma, no ministerio de Asuntos Exteriores e ais na prensa galega, madrileña e italiana. Resúmese así toda a etapa de Valle-Inclán como director da Academia de Belas Artes de Roma.
Coa iniciativa os organizadores pretenden premiar as ideas innovadoras, orixinais e anovadoras no trato da temática, destacando a altísima calidade de todos os traballos presentados a esta edición. O xurado cualificador conformárono o presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán; Xosé Mª García Palmeiro, en representación do Concello da Cultura Galega; o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta De Haz; Carlos Arias Iglesias, representante da Consellería de Cultura e Deporte; Antonio Ponte Far, da Fundación Valle-Inclán; e o xornalista Benito Leiro Conde.
Historia do premio
O premio Valle-Inclán foi constituído no ano 2004 co obxecto de difundir e promover a vida e obra do autor de Luces de Bohemia e para afondar, a través de estudos rigorosos e de prestixio académico, en distintos aspectos da súa biografía e traballo literario.
O Gañador da primeira edición foi o profesor da Universidade de Miño, Xaquín Núñez Sabarís co traballo Valle Inclán en el fin de siglo. Estudio crítico de Femeninas. No 2005 o galardón recaeu en Euloxio R. Ruibal polo estudo Valle Inclán e o teatro galego.
No 2006 gañaron ex aequo o profesor da USC Anxo Abuín co estudo La palabra en los ojos o el alfabeto en movimiento: una aproximación a la dramaturgia de Valle Inclán desde la estética del silencio e a especialista no teatro valleinclaniano, a investigadora francesa Elianne Lavaud-Fage con Valle Inclán, ¿un sistema literario?.