Grupos interdisciplinares da USC buscan sinerxías no descubrimento e desenvolvemento de fármacos
Como parte dos esforzos para promover e impulsar investigacións conxuntas entre os grupos da Rede de Centros Singulares do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida, a USC organiza este xoves 11 unha xornada sobre ‘Investigación en descubrimento e desenvolvemento de fármacos’ no que se reúnen equipos dos centros singulares en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) e Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). É un evento que coordinan as profesoras Concepción González Bello (CIQUS) e Mabel Loza (CIMUS) e que dá continuidade a unha serie de xornadas previas da rede de centros singulares como as xa celebradas sobre bioinformática (CITIUS-CIQUS-CIMUS) e a nanomedicina (CIMUS-CIQUS). O programa desenvólvese na Aula Magna da Facultade de Bioloxía e comezará coa conferencia inaugural do representante da empresa Oryzon Genomics Jordi Xaus presentando un caso de éxito en relación ao proceso de descubrimento de fármacos contemplado dende a medicina molecular e a química médica ata a súa chegada ao paciente cun composto en ensaios clínicos. O éxito de Oryzon Genomics está relacionado cun acordo coa multinacional farmacéutica Roche para a investigación, o desenvolvemento e a comercialización de inhibidores de Demetilasa. Sinerxías Deseguido, investigadores dos dous centros singulares presentaron os seus respectivos descubrimentos máis recentes como base para a identificación de sinerxías e complementariedades. Por parte do CIMUS interviñeron Eduardo Domínguez, que traballa no campo da identificación e validación de dianas para enfermidades crónicas; Fernando Domínguez, centrado no desenvolvemento de ferramentas terapéuticas fronte o cancro; Marcos García Fuentes, investigador no ámbito da nanomedicina; e Rubén Nogueiras, cuxa liña de traballo sitúase na área do metabolismo molecular. Do CIQUS falaron Concepción González Bello, especializada no desenvolvemento de fármacos con novos mecanismos de acción para combater o crecemento de bacterias resistentes aos antibióticos; José Martínez Costas, da área de viroloxía e vacinas; Javier Montenegro, coas súas achegas no campo da síntese orgánica; e Eddy Sotelo, cuxo traballo desenvolve ferramentas para acelerar a busca de novas moléculas candidatas. A xornada finaliza cunha mesa redonda, xa a partir das 15.30 horas, sobre a visión global do proceso dende a identificación temperá dun composto activo fronte unha enfermidade ata a súa aplicación no paciente e o seu impacto socio-económico. Interveñen representantes do Ministerio de Economía, Xunta de Galicia e Instituto de Saúde Carlos III, Emilio Vargas moderados polos directores do CIMUS e do CIQUS, Carlos Diéguez e José Luis Mascareñas, respectivamente. Esta xornada conta co financiamento da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e dos propios centros singulares. Jordi Xaus, de Oryzon Genomics, abriu a quenda de intervencións mostrando un caso de éxito. Foto: Servimav-USC